O Concello de Bueu e as familias organizan unha homenaxe ás vítimas do ‘Villa de Pitanxo’
- O acto de descuberta da placa en memoria dos mariñeiros falecidos e desaparecidos será o próximo sábado, 18 de marzo, ás 12.00 horas, no Peirao de Attilio
O Concello de Bueu e as familias dos mariñeiros falecidos no “Villa de Pitanxo” organizarán o próximo sábado, 18 de marzo, un acto de homenaxe para lembrar sempre a súa memoria, tal e como xa se fixo nas semanas previas noutros concellos pontevedreses. Así, o acto terá lugar ás 12 horas no coñecido como Peirao de Attilio, na zona de Pescadoira e preto da Nave de Deportes Náuticos, e nel prevese a descuberta dunha placa elaborada para a ocasión e na que se insiren os nomes de todos os mariñeiros do barco afundido hai máis dun ano en augas de Terranova.
A placa ten unhas dimensións de 1 metro de alto por 60 centímetros de largo, e irá colocada nunha pedra encargada para a ocasión e elaborada por un canteiro. A localización foi elixida pola familia de Fernando Santóme Ferradás, que é o único veciño de Bueu que ía a bordo do “Villa de Pitanxo”.
O acto contará cunha ofrenda floral a cargo das familias dos mariñeiros, actuación musical con algúns integrantes da Banda de Música Artística de Bueu, e as intervencións de representantes das familias e do alcalde de Bueu.