Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Pavillón Pablo Herbello acolleu a I Feira Emprende organizada polo IES Johan Carballeira e Ayuda en Acción

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este martes no acto inaugural e animou ao alumnado a que “sexades inconformistas porque temos que cambiar o mundo”

O andar superior do Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu acolleu este martes, 14 de marzo, a I Feira eMprende, organizada polo IES Johan Carballeira e Ayuda en Acción. A iniciativa é un escaparate para que o alumnado de Formación Profesional presente os prototipos de emprendemento nos que estivo traballando, e que puideron coñecer as persoas asistentes, entre as que estiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo.

O rexedor bueués destacou no acto inaugural que “é moi ilusionante ver a facilidade que teñen os alumnos e alumnas para explicar e falar dos seus proxectos”, e por iso quixo lanzar ánimo co “desexo de que sexades sempre inconformistas porque temos que cambiar o mundo”. Asun Soñora, directora do IES Johan Carballeira, salientou que “é un pracer ver aquí a todo o alumnado que ao longo destes meses traballou nos seus proxectos, para defendelos e explicalos con seguridade nesta feira”.

eMprende é un proxecto piloto de Ayuda en acción que intervén en centros educativos, a través de ferramentas de orientación laboral e profesional e que pretende tecer pontes entre o mundo do ensino e o do traballo, convertendo a teoría en práctica. Así, naceu coma unha ferramenta para docentes e unha oportunidade para o alumnado de Formación Profesional en aspectos fundamentais como o establecemento de plans de orientación vocacional, a adquisición de competencias clave ou o coñecemento da contorna para identificar oportunidades. Entre os postos participantes, o alumnado sorprendeu ás persoas asistentes con proxectos relacionados co ocio, a educación, a saúde mental, a estética e imaxe persoal ou o deporte, entre outros. Así mesmo, ao longo da mañá, o alumnado tivo a oportunidade de realizar diversas actividades a través das que conseguir un “kit de emprendedor” como entrevistas teatralizadas, taller de tips para mellorar o currícululo ou explicación de proxectos en público.

O Concello de Bueu colaborou coa organización da feira, e tamén participou coa colocación dun posto no que se puxeron en valor algunhas das liñas estratéxicas nas que se están traballando dende a institución municipal, como a aposta pola divulgación medioambiental ou a compostaxe individual e colectiva.

eMprende foi deseñado dende un enfoque multidisciplinar en base ao traballo en rede e ao establecemento de alianzas público privadas que permiten a adecuación das necesidades formativas ao mundo laboral. Este programa axuda ás persoas novas a identificar a súa vocación, a mellorar as súas competencias clave e a trazar un plan de vida que se adecúe ás súas necesidade e ás súas eleccións, cambiando o seu presente para garantir o futuro.