O Concello de Bueu reivindica o deporte da vila no acto «Máis que clubs»
- Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “o deporte forma parte das nosas vidas e axúdanos a ter soños e ilusións, a medrar en valores e a construír unha sociedade máis xusta”
- No acto entregáronse placas conmemorativas a doce clubs e a outras tantas persoas a título individual polo seu traballo desinteresado a prol de cada entidade
O Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu acolleu este xoves, 23 de febreiro, “Máis que clubs”, un acto de agradecemento e de homenaxe aos clubs e deportistas da vila que levan a cabo ao longo do ano unha intensa actividade nas diversas disciplinas deportivas. Neste sentido, e en palabras de Félix Juncal, alcalde da vila, “este acto representa unha enorme ilusión e ledicia, pero tamén agradecemento polo traballo incansable e incesante dos clubs a prol da dinamización de Bueu”.
O acto comezou ás oito da tarde coa presentación do libreiro e dinamizador local Fernando Miranda, quen aludiu á enorme saúde do deporte en Bueu, e xa a continuación deu paso a Ricardo Verde, concelleiro de deportes. O edil fixo mención a que “as persoas que están hoxe aquí son historia viva deste pobo, así que este acto non deixa de ser máis que un pequeno recoñecemento ao enorme traballo, tamén desinteresado, que levan a cabo diariamente dende os clubs e asociacións deportivas”.
“Máis que clubs” contou coa presenza de clubs da vila, así como de familiares e amizades, e tamén da corporación municipal. Así, na primeira parte do acto fíxose entrega dunha placa conmemorativa do Concello aos clubs, concretamente ao Club Deportivo Bueu de Fútbol, Escola Fútbol Base de Bueu, Club de Loita Morrazo, Cultural Deportiva de Beluso, Escola Fútbol Base de Beluso, Club Taekwondo SSIU, Club Ciclista de Bueu, Club de Atletismo Corredoiras, Club do Mar Bueu – Simei, Bueu Atlético Balonmán, Club Galaicas Bueu e Agrupación Deportiva Fútbol Sala de Bueu.
A parte quizais máis emotiva foi a segunda, na que o Concello agasallou a diversas persoas que cada club ou entidade deportiva da vila elixiu polo compromiso e pola colaboración desinteresada, e ás que quixeron dar as grazas publicamente. Estas persoas foron Cristóbal Hermida Freire, do Club Ciclista de Bueu (xa falecido); Ángel Iglesias González (Lito), do Club de Atletismo Corredoiras; Marina Cortizo Rivas e Manolo Cerviño Piñeiro, do Club do Mar Bueu – Simei; Ana Pérez Comesaña e Rosa Esther Menduíña Pastoriza, do Club Galaicas Bueu; Isabel Martínez Bernárdez (Isa), do Bueu Atlético Balonmán; Samuel Brun Fernández e Alfonso Dios Moreira, do Club de Loita do Morrazo; Manuel Ángel Reiriz Piñeiro, da Cultural Deportiva Beluso (falecido o pasado ano); José Luis Fariña Pérez, da Escola de Fútbol Base Beluso; Emilio Dopazo Díaz, da Agrupación Deportiva de Fútbol Sala Bueu; José Otero Méndez “Pepín”, do Club Deportivo Bueu de Fútbol; e os competidores do Club Taekwondo SSIU.
Félix Juncal pechou o acto aludindo a que “o deporte forma parte das nosas vidas e axúdanos a ter soños e ilusións, a medrar en valores e a construír unha sociedade máis fermosa”. O rexedor lembrou tamén os recibimentos que ao longo do ano se organizan no Concello a moitos e moitas deportistas “que destacan nos diversos deportes e que nos fan emocionarnos como pobo, sentir orgullo de pertencer a unha vila tan dinámica”. Así mesmo destacou que no 2021 contabilizáronse 761 fichas federativas entre doce clubs da vila, das que 195 son femininas, unhas cifras que medraron case o dobre ca no ano anterior. Isto demostra, segundo Juncal “ a importancia do deporte de base e tamén do papel protagonista das mulleres nas diversas disciplinas deportivas, polo que paulatinamente camiñamos cara á igualdade real”.