Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Teatro polo Día de Rosalía: «Dúo Vaguedades- O Espectáculo»

Evento xa rematado

O Concello de Bueu programa para o 22 de febreiro unha representación teatral con motivo do Día de Rosalía, que se celebra ao día seguinte e que coincide cun dos festivos locais do municipio. Así, o Auditorio do Centro Social do Mar acollerá a obra de teatro “Dúo Vaguedades- O Espectáculo”, de Isabel Risco e Fran Rei, da que se poderá gozar a partir das 21 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.

“Dúo Vaguedades – O Espectáculo” é unha aloucada proposta de 60 minutos de comedia para todos os públicos protagonizados por Isabel Risco e Fran Rei, onde teñen cabida varios dos temas musicais da banda (cantados en rigoroso directo), mesturados con divertidos sketches e escenas cómicas sobre o noso xeito de ser, de falar e de relacionármonos entre nós mesmos/as e co resto da humanidade. Durante o espectáculo sucédense unha serie de reflexións e titoriais (de Youtube) sobre, entre outras, a nosa teima de contestar a unha pregunta con outra pregunta, o valor da dúbida permanente, como ligar correctamente nunha verbena ou discoteca, a retranca ou como enfrontarse ás redes sociais e ás aplicacións máis avanzadas con mentalidade decimonónica. E todo isto visto desde a gran autoridade moral que atesouran Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, dúas figuras imprescindibles da nosa cultura, que viaxan no tempo e no espazo para a ocasión.