O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría homenaxearán ás cociñeiras polo Día da Muller
- As concelleiras de promoción económica e igualdade reuníronse este xoves con algúns responsables da hostalaría da vila
O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila están traballando nunha proposta para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a idea é homenaxear a unha recoñecida cociñeira galega, cuxo nome se desvelará nos próximos días, e ao redor da cal se artellarán diversas iniciativas e actos que se estenderán ao longo da semana.
Esta proposta partiu da Asociación de Hostalaría, e este xoves foi presentada nunha reunión que se celebrou no salón de plenos do Concello e na que estiveron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Ana Isabel Otero, edil de igualdade, ademais do xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) e diversos hostaleiros e hostaleiras.
O programa irase desvelando nas próximas semanas, e agora faise un chamamento á hostalaría local, polo que os locais que estean interesados en participar poderán contactar co concello a través do teléfono 986390029 (ext.2) ou no enderezo electrónico silvia@concellodebueu.gal.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca. Tal e como salientaron durante a xuntanza desta mañá, “o que buscamos é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara, que saían da invisibilidade”. A iniciativa homenaxeará a este colectivo e prevé unha gran campaña coa que conseguir un gran impacto social e de concienciación con motivo do Día das Mulleres.