A Asociación ‘TodoMorrazo’ preséntase en Bueu como unha alternativa para fomentar o turismo sostible
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou na rolda de prensa deste venres que “esta iniciativa vai da man das políticas que levamos a cabo tanto no Concello como na Mancomunidade para potenciar un turismo de calidade e activo”
- Dende o colectivo faise un chamamento para que as persoas propietarias de aloxamentos turísticos se asocien co fin de centrar esforzos e buscar propostas de mellora
Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Ricardo Verde, edil de deportes, participaron este venres na rolda de prensa de presentación da asociación de aloxamentos turísticos TodoMorrazo, que tivo lugar ao mediodía no salón de plenos da Casa Consistorial da vila. O rexedor salientou que “esta iniciativa vai da man das políticas que levamos a cabo tanto no Concello como na Mancomunidade para potenciar un turismo de calidade e activo”, algo no que tamén coincidiron Borja Brun, presidente do colectivo, Manuel Pérez, tesoureiro, e Maruxa Camiña, vogal, que explicaron as finalidades dun proxecto que naceu antes da pandemia e que agora busca consolidarse e lograr que máis persoas se asocien.
Esta asociación cubre os establecementos de cámpings, hoteis, hostais, pensións e vivendas de uso turístico de Cangas, Moaña e Bueu, e pretende potenciar un turismo de calidade, regularizar as vivendas de uso turístico e ser unha alternativa aos portais de reservas. Brun explicou que a través do colectivo comarcal, os establecementos asociados poderán aforrar a comisión do 16,01% que cobran estas plataformas de reservas ao ofrecer a entidade unha páxina para contratar directamente os aloxamentos.
Neste sentido, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, destacou que para nós é importante que se traballe conxuntamente entre todos os aloxamentos, porque iso beneficiará a toda a cidadanía, dado que tamén se crean moito emprego ao redor do turismo”.
Polo de agora, o colectivo acolle a un total de sesenta asociados en todo o Morrazo, e dende a asociación fan un chamamento para incrementar ese número. Para iso desenvolven varias liñas de acción, como creación dunha bolsa de emprego, profesionalización do sector e cursos de formación, asesoramento para a tramitación da legalización das vivendas de uso turístico, ou mesmo unha central de compras para acadar prezos máis competitivos. Así, segundo os datos ofrecidos polo colectivo, actualmente no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, constan 275 establecementos de aloxamento en Bueu, dos que arredor do 95% se corresponden con vivendas de uso turístico.
Xustamente, e co obxectivo de camiñar da man, a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, na que se insire Bueu, iniciou o pasado ano unha campaña para apostar por iniciativas de deslocalización do turismo. O obxectivo é que as persoas visitantes coñezan a comarca do Morrazo non só polas praias, senón tamén pola natureza, pola cultura, polo deporte e polas múltiples actividades de lecer que se celebran ao longo de todo o ano. Por último, o rexedor salientou que é importante fomentar este turismo que tamén redunda na creación de postos de traballo e no crecemento económico das vilas da comarca.