Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O FICBUEU insírese de novo na marca Rías Baixas Film Fest da Deputación de Pontevedra

Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Manuel Pena, director do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) participaron este xoves no acto de presentación do Rías Baixas Film Fest, a marca da Deputación de Pontevedra na que se insiren oito festivais de cinema da provincia baixo o lema de «Tiro de saída».

Segundo apuntou Carmela Silva, presidenta do ente provincial, “a través dos Rías Baixas Film Fest imos continuar avanzando para seguir convertendo á provincia nunha grande referencia”, e adiantou que neste 2022 “imos dar un paso máis, coa mirada posta na internacionalización dos festivais”.

O director do FicBueu, Manuel Pena, en representación dos oito festivais, destacou a diversidade de certames que hai na provincia e enxalzou tamén o papel das asociacións que os organizan. Pena salientou a “importancia e dimensión que acadaron as programacións dos festivais de cinema” que abranguen dende formación do público ata a promoción e fortalecemento da industria ou a confluencia con outras disciplinas artísticas. E, xa de cara ao futuro,  amosou o seu desexo de “chegar aínda máis aló”. Pola súa banda, a responsable de programación do Primavera de Cine, Ana Gontad, recordou os “dous anos de pesadelo pandémico” e fixo un chamamento ao público para “volver ás salas, saír dun mesmo/dunha mesma e volver dialogar coas persoas”. Ana Gontad puxo en valor “as oito festas arredor do cinema que hai na provincia” e agradeceu, como tamén fixo Pena, o “papel militante da Deputación nestes meses escuros por manter viva a cultura, propiciando a supervivencia das persoas que se dedican a elo e a formación e creación de novos públicos”.

A marca, que naceu no 2020, agrupa a un total de oito certames audiovisuais que teñen lugar este ano entre maio e outubro en Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía. “Cada festival é moi relevante –remarcou a presidenta – pero xuntas e xuntos somos máis fortes e estamos a crear unha estrutura potente, con máis capacidade reivindicativa”.  No 2022 o “tiro de saída” dos Rías Baixas Film Fest terá lugar a vindeira semana, coa XVIII edición do Play-Doc de Tui (4-8 de maio) e continuará o seu percorrido co XIX Festival de Cans do Porriño (18-21 de maio), XI Primavera do Cine de Vigo (6-11 de setembro), XV FicBueu (11-24 de setembro), 5#Galician Freaky Film Fest de Vigo (23-24 de setembro e 28 de setembro- 1 de outubro), VII Festival de Cine Inclusivo de Vigo (18-22 de outubro) e co 50º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (21-30 de outubro) para rematar co VII Novos Cinemas de Pontevedra (13-18 de decembro).

Aquí podedes ver o vídeo promocional da campaña deste ano 2022: