O Concello de Bueu presentará á cidadanía e colectivos o proxecto da nova biblioteca
- O proxecto acaba de recibir a subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra e suporá a transformación deste espazo tanto a nivel arquitectónico como de servizos
- O goberno local organizará o sábado 18 de decembro un acto público para a presentación desta actuación, que estará aberto a sectores culturais da vila e á cidadanía en xeral
Consciente da importancia desta actuación, o goberno local de Bueu organizará o sábado 18 de decembro un acto público de presentación do proxecto da nova Biblioteca Municipal Torrente Ballester, dirixido a colectivos culturais e á cidadanía da vila. Na charla, que terá lugar ás 12.00 horas no espazo actual da biblioteca municipal, intervirán Félix Juncal, alcalde de Bueu, Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, e Manuel Chapela, arquitecto e redactor do proxecto.
Esta actuación vaise levar a cabo cunha subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. O proxecto, valorado en 916.559 euros, recibe unha axuda de 687.419 euros do organismo provincial, o que supón máis do 80 % para unhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, salientan que se trata dunha actuación que “servirá para transformar radicalmente a biblioteca, cun cambio no edificio a nivel arquitectónico e de servizos”. Así, a biblioteca, situada no Parque Ramal dos Galos, converterase nun gran centro que ampliará os seus usos e servizos, e se adaptará ás novas tecnoloxías. Dado o interese social, dende o executivo local organizan este acto para a presentación co obxectivo de que a cidadanía coñeza un proxecto no que se contou con ela xa dende o comezo a través dun proceso previo de participación cidadá .
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, ao que se engadirá unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, e que permitirá trasladar o Arquivo Municipal, que actualmente se atopa en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa mantería as dependencias da biblioteca, que se ampliarían cunha sala de estudos. E a nova planta superior acollería, entre outros servizos, outra sala de estudos. Dende o goberno local salientan que “se trata dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para solventar os problemas de mobilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor. “Será unha rehabilitación integral, que mellorará as condicións térmicas, a iluminación natural e apostará polas enerxías renovables”, destacan Juncal e Moital.