Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba unha moción para rehabilitar e colocar o Canón de Pau en Cabo Udra

  • A corporación municipal bueuesa celebrou este xoves a última sesión plenaria ordinaria do ano 2021

A corporación municipal celebrou este xoves, 9 de decembro, a última sesión plenaria ordinaria do ano, e na que se notaron as ausencias do grupo do PSOE e de tres edís do PP. Na orde do día da sesión constaban dúas mocións presentadas polo PP e relativas á colocación do Canón de Pau en Cabo Udra, e a unha actuación na contorna do campo de fútbol da Graña, aprobándose só a primeira delas.

Cos votos a favor de PP e BNG, e en contra da ACB, saíu adiante a moción que instaba ao goberno local a rehabilitar o Canón de Pau e a colocalo en Cabo Udra. Elena Estévez, voceira do PP, foi a encargada de dar lectura a esta proposta presentada polo grupo popular e na que fai referencia á chegada do canón a Bueu, cando en 2015 fora doado pola Asociación en Defensa do Patrimonio Histórico – Militar Abandonado. A través do Canón de Pau, que dende aquela se atopa no Polígono de Castiñeiras, lembraríase o pasado militar de Cabo Udra e tamén sería un elemento atractivo para o fomento do turismo. Xosé Leal, voceiro do BNG, avanzou o voto favorable do grupo nacionalista ante esta proposta porque “é parte da nosa historia e ten moito que ver co golpe de estado”, ao tempo que salientou que o Concello conta co apoio da Comunidade de Montes de Beluso coa que se decidirá nos próximos meses a ubicación exacta, dado que os terreos pertencen ao colectivo. Na liña contraria se manifestou Julio Villanueva, voceiro de ACB e vicealcalde, quen declarou que “isto non é bo nin para o turismo nin para o pobo de Bueu, porque é unha forma de obrigarnos a volver a ese pasado militarizado en Udra”.

Na outra das mocións, o PP solicitaba que o goberno local levase a cabo unha actuación para rehabilitar o aparcadoiro que se atopa en fronte do lavadoiro do Valado – Torrexeiro e propoñer medidas para solventar a problemática que se sofre para circular pola vía de acceso ao campo de fútbol da Graña os días de competición. O voceiro do BNG apuntou que “este terreo foi cedido hai anos á Consellería de Educación, polo que é da súa competencia, o que non impide que o goberno local adopte algunhas medidas que xa está tratando dende hai semanas coa directiva do CD Bueu”. Con estas motivacións, a moción non saíu adiante, pois contou cos votos en contra de BNG e ACB, e a favor tan só os do PP.

A sesión plenaria completa pode verse na canle de YouTube do Concello de Bueu.