Bueu acolleu o I Encontro do Libro da Península do Morrazo
- O evento celebrouse o sábado 28 de agosto no Estaleiro de Purro, e contou con exposición e venda de libros e outros actos culturais
- Félix Juncal, alcalde da vila, incidiu na necesidade de “visibilizar todas as publicacións sobre a cultura e a historia da nosa comarca”
O Estaleiro de Purro, situado na Banda do Río, foi o escenario elixido para acoller o I Encontro do libro da Península do Morrazo organizado polo Concello de Bueu e que se celebrou o pasado sábado, 28 de agosto, en horario de 11.30 a 14.15 e de 19.30 a 21.30 horas. O obxectivo era que a cidadanía coñecese unha selección de máis de 300 exemplares de libros producidos no Morrazo ou que versan sobre esta comarca, que os e as visitantes tiveron a oportunidade de consultar e mercar nos postos do encontro, no que participaron os concellos de Bueu e os de Cangas, Moaña, Marín e Vilaboa, amais das librarías locais Abrente, Miranda e Gáidil.
Así, ademais de amosar as publicacións editadas ou co editadas polos concellos da comarca que testemuñan un longo percorrido de apoio á cultura e tradición propias, tamén se buscou apoiar ao tecido local das librarías. Esta proposta tamén encheu a xornada de eventos culturais complementarios, como presentacións de libros, conferencias e actuacións musicais, nunha xornada na que se cumpriron con todos os protocolos da Covid-19.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou na inauguración do evento que “é importante que visibilicemos a historia e cultura da nosa comarca agochadas nas publicacións”. A continuación, José Manuel Dopazo, filólogo e lingüista bueués, iniciou o encontro cunha charla na que falou do labor editorial do Club Golfiños, e concretamente do fanzine ‘Aña’, editado con periodicidade anual e que ten como obxectivo testemuñar o papel das mulleres de Bueu. Vinculado coa homenaxe ‘Bueuesa Senlleira’ que o club vén organizando cada ano con motivo do Día Internacional das Mulleres, entre as seccións habituais deste fanzine atopamos biografía das homenaxeadas, recomendacións lectoras, contribucións divulgativas, achegas literarias e pasatempos.
A continuación, Eva Mejuto presentou o libro Matilde, co que resultou gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares que promove o Concello de Bueu. O libro enxalza, a través da súa protagonista, a vida e obra de Matilde Bares, quen fora mestra de Bueu, ao tempo que describe unha viaxe pola vila e a súa realidade nos anos trinta. A autora salientou que “o que pretendía era contar a vida neses anos tan complexos, e o papel das mulleres na historia”.
O investigador moañés Manuel Uxío García abordou as relacións de Moaña co lugar de Ermelo, e culminou a mañá coa actuación literario – musical de Cintaadhesiva, un proxecto no que se ensamblou a música de Jesús Andrés Tejada cos textos de Silvia Penas para dotar de significado unha serie de poemas e de imaxes nas que a reivindicación foi a protagonista.
O encontro reanudouse pola tarde, coa conferencia a cargo de Xosé Novas, considerado o primeiro alcalde da democracia na vila bueuesa, quen realizou un percorrido polas distintas corporacións municipais na etapa republicana no Concello de Bueu, concretamente dende o ano 1931 ata o 1936. E xa ao remate, Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal, presentou os arquivos de Bueu e a extensa produción cultural e editorial.