Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello clausurou este martes o ‘Concilia Bueu’ no que participaron un cento de nenos e nenas

  • A cativada de entre 3 e 12 anos gozou dun verán ateigado de actividades lúdicas durante os meses de xullo e agosto
  • Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social, participou este martes na clausura do programa e entrega de medallas

O Concello de Bueu clausurou este martes o programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa na que participaron cen nenos e nenas de 3 a 12 anos que gozaron de diversas actividades lúdicas e deportivas durante os meses de xullo e agosto. Precisamente, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Xosé Leal, edil de cultura e ensino, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, participaron hoxe no acto de entrega de medallas que serviu como clausura deste programa que ofreceu unha alternativa de lecer para a cativada e favoreceu a conciliación laboral e familiar.

O Concilia Bueu acolleu a un cento de nenos e nenas e, por segundo ano consecutivo, o Concello asumiu o custe total, polo que o programa foi de balde para as familias. A edil nacionalista salientou que “dende o Concello somos conscientes de que estes dous anos da Covid-19 foron complicados e queriamos continuar coa nosa aposta polas políticas sociais”. Así, o mes de xullo, as actividades foron dirixidas pola empresa de tempo libre Risotadas, e a rapazada puido gozar de xogos relacionados coa lectura. Baixo o lema de “Un verán de conto”, os e as participantes realizaron unha viaxe polo mundo a través dos contos, aprendendo sobre costumes de lugares, xogos e pasatempos, tradicións e lendas, paisaxes e comidas.

Pola súa banda, no mes de agosto, o Bueu Atlético Balonmán foi o encargado de dirixir as actividades, que xiraron arredor dos Xogos Olímpicos, protagonistas deste verán.

As actividades desenvolvéronse en grupos reducidos e diversos espazos como o CEIP A Pedra, a piscina municipal das Lagoas, ou o Pavillón Municipal de Deportes Pablo Herbello, aínda que se priorizaron os lugares abertos debido á Covid-19.