Bueu manifestarase para recuperar o sistema sanitario público
- O mércores 21 de abril terá lugar unha concentración na Praza do Concello en defensa da sanidade pública
Recuperar o sistema sanitario público e garantir a asistencia presencial. Estes son dous dos obxectivos que se perseguen coa concentración en defensa da sanidade que se celebrará na Praza do Concello de Bueu o próximo mércores 21 de abril, ás 20.00 horas. Así o anunciaron este venres os promotores desta iniciativa, organizada en toda a comunidade baixo o paraugas de SOS Sanidade Pública e que na vila bueuesa promove a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, colectivo plural e diverso no que conflúen persoas doutras asociacións coas mesmas reivindicacións sociais.
Dende a organización faise un chamamento a toda a cidadanía para que acuda a esta concentración, na que se cumprirá con todas as medidas sanitarias e de seguridade. Entre as reivindicacións que se demandan están normalizar os centros de saúde e garantir a atención presencial, crear un plan para afrontar as listas de agarda acumuladas, ofrecer información transparente e un acceso universal ás vacinas contra a Covid-19, incrementar o persoal e rematar coa súa precariedade e inestabilidade, e rexeitar a reforma da Lei Galega de Saúde que recorta as liberdades cívicas.
Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, salientou na rolda de prensa que “é importante que todas e todos nos impliquemos nesta loita polo sistema sanitario público, pois nos últimos anos estamos vendo como se desmantelan os servizos públicos polos que tantos anos se loitou”.