O alcalde de Bueu e o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra visitaron a confraría bueuesa
Félix Juncal, alcalde de Bueu, acompañou este xoves ao Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, na visita que este realizou á Confraría de Pescadores de Bueu, onde foron recibidos polo patrón maior, José Manuel Rosas. Así, as persoas asistentes realizaron un percorrido para coñecer as instalacións da lonxa, así como os principais procesos de tratamento da pesca mariñeira e as súas artes.
Na visita, na que tamén estiveron presentes o concelleiro de urbanismo, a voceira do PP municipal e a Xefa Territorial de Mar, salientouse o enorme potencial da lonxa bueuesa, que nos últimos anos levou a cabo actuacións de mellora e informatización, converténdose nunha “lonxa punteira, por ser capaz de adaptarse aos novos tempos e cumprir con certas normativas europeas”, tal e como destacou Rosas.
Así mesmo, unha gran parte da conversa centrouse no polbo, considerado o produto estrela da vila morracense, que conta cun importante número de embarcacións dedicadas á súa captura e que no pasado ano tiveron unha campaña nefasta, debido á escaseza do produto.