A corporación local de Bueu aproba por unanimidade o apoio á creación dunha canle Xabarín e exixe á Xunta a toma de medidas ante a escaseza de polbo
- As dúas propostas foron aprobadas polos catro grupos políticos da corporación bueuesa na sesión plenaria telemática que se celebrou o pasado luns
A corporación municipal de Bueu celebrou o pasado luns, 7 de decembro, a última sesión plenaria ordinaria do ano 2020, na que se aprobaron dúas mocións por unanimidade: unha de apoio á creación dunha canle Xabarín Club na TVG, e outra para a realización de estudos e toma de medidas para a mellora da pesquería do polbo.
Agustín Gallego, concelleiro de mocidade e normalización lingüística, foi o encargado de dar lectura á primeira das mocións presentada polo BNG e na que se apoia o impulso dunha mellor difusión da programación infantil e xuvenil en galego. Baseándose na proposición non de lei lanzada pola Mesa Pola Normalización Lingüística, o edil manifestou a necesidade de creación dunha canle Xabarín, con programación dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas que conten con programas e xogos atractivos, educativos e de produción galega. Tamén se propón que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.
O concelleiro expón que “a lingua galega precisa espazos de uso, de reprodución e socialización para existir e desenvolverse” e que “o galego de estar en todo e para todo, en palabras de D. Ricardo Carvalho Calero”. Así, con estes obxectivos, este xoves comezarán as xornadas ‘A lingua no audiovisual’, que se poderán seguir en directo a través da canle de Youtube do Concello de Bueu e que tamén incluirá dúas proxeccións especiais no Centro Social do Mar: ‘Ons’, de Alfonso Zarauza poderase ver o sábado ás 19.00 h, e ‘Reboiras. Acción e corazón’, de Alberte Mera, o domingo ás 18.00 h.
A proposta contou cos votos favorables de todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE), ao igual que a outra presentada polo grupo nacionalista en relación coa toma de medidas ante a escaseza de polbo.
Segundo consta na proposta, a frota de baixura de Bueu agrupada na confraría de pescadores San Martiño conta cunhas 40 embarcacións que se adican á pesca do polbo. O recurso converte a lonxa bueuesa na segunda maior comercializadora en Galiza do cefalópodo trala de Ribeira, co que supón de impulso económico tanto na frota que captura o recurso como no propio sector da comercialización. Os datos de 2018 indicaban que entre xullo e setembro capturaranse 73.000 quilogramos, mentres que no primeiro trimestre da campaña do pasado ano xa se baixou ata os 47.000 quilogramos. Os datos deste 2020 falan que entre xullo e setembro non se chegou aos 5.500 quilogramos. Un descenso ante o cal o sector optou por reducir os días de traballo, cambiar de oficio e incluso polo amarre e a incursión das persoas mariñeiras en ERTES. Ante iso, a corporación acordou instar á Xunta de Galicia, como administración competente, para que leve a cabo un estudo do recurso do polbo tendo en conta a opinión da comunidade científica e do sector da pesca artesanal agrupado nas confrarías. Amais, tamén se solicita que se estuden fórmulas desde as Consellerías do Mar, Industria e/ou Medio Ambiente para que armadores e mariñeiros que teñen que deixar de adicarse á pesca do polbo conten con alternativas que non provoquen a sobre explotación doutros recursos, puidendo ser estas de carácter económico por medio de axudas ou ben por labores de limpeza do medio mariño como un dos problemas máis latentes pola presenza de plásticos e outros residuos.