O Concello de Bueu instala un novo composteiro no CEIP Montemogos de Beluso
- Cunha capacidade de 800 litros, o composteiro xestionará os residuos de comida procedentes das merendas dos recreos e do comedor
- A mestra composteira do Concello impartiu unha formación ao profesorado e alumnado para ensinarlle o funcionamento e como realizar o mantemento deste espazo
O Concello de Bueu continúa estas semanas coa instalación de composteiros nos centros educativos da vila. Precisamente, o CEIP Montemogos de Beluso estrea un novo dunha capacidade de 800 litros, que substitúe o de 340 litros que tiñan anteriormente e que serve para xestionar os residuos das merendas. O contedor, proporcionado pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Revitaliza, foi instalado pola mestra composteira, Iria Rey, quen impartiu este martes unha charla de formación ao profesorado e alumnado, sobre a importancia de separar correctamente os biorresiduos e o mantemento básico dun composteiro. Desta forma, poderán tratar os seus propios residuos orgánicos, aforrando a recollida e evitando as emisións á atmosfera de gases contaminantes procedentes do transporte e a incineración de residuos.
Segundo salienta Iria Rey, cando se realizou o baleirado do composteiro anterior de 340 litros atopáronse as mostras de diferentes tipos de bolsas (unha de plástico, outra biodegradable e outra compostable) que formaban parte dun experimento do alumnado sobre as taxas de descomposición dos tres materiais. A mostra da bolsa de plástico estaba intacta, a diferencia das outras dúas que xa estaban practicamente descompostas. A partir desta semana o composteiro novo comezará a xestionar os biorresiduos do comedor, coa formación do persoal do comedor e supervisado pola mestra composteira, a cal foi nomeada no marco das subvencións da Deputación de Pontevedra para os Concellos adheridos ao Plan Revitaliza para o nomeamento interino de mestres/as composteiros.
A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai xa máis de cinco anos, cando se instalaron os dous centros de compostaxe comunitaria na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos. Amais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais entre a poboación interesada; e xestionouse a instalación en case todos os centros educativos da vila.
Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “estamos dando un salto de calidade en materia medioambiental e de xestión de residuos, pois dende maio deste ano contamos cunha mestra composteira”. As persoas que desexen informarse sobre a compostaxe ou solicitar un composteiro individual poderán poñerse en contacto a través do enderezo electrónico compostaxe@concellodebueu.gal.