Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba por unanimidade o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS)

  • Xosé Leal, edil encargado da área de medio ambiente e mobilidade, defendeu que “é un documento estratéxico que nos marca as liñas de actuación para os próximos anos”

A corporación municipal de Bueu celebrou este martes un pleno extraordinario telemático no que se aprobou por unanimidade o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), un documento imprescindible que servirá de folla de ruta de cara a mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente, cunha especial atención aos obxectivos da Estratexia Europea 2020. A proposta contou cos votos a favor de todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE), e Xosé Leal, concelleiro encargado da área de medio ambiente e mobilidade, salientou que “é un documento estratéxico que nos marca as liñas de actuacións dos próximos anos, e que nos permitirá concorrer a subvencións”.

A empresa Terravanza foi a encargada de elaborar este plan, cun orzamento de 13.303,95 €, con cargo a unha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra, e que necesitaba desta aprobación plenaria como último paso, despois de meses de traballo intenso. Dende comezos de ano, os técnicos mantiveron reunións con responsables políticos municipais, amais de organizar encontros con colectivos representativos da poboación, como as asociacións veciñais, os centros educativos, o sector da mobilidade, as entidades de ocio-turismo ou as relacionadas coa economía e a loxística. Esta participación cidadá foi tamén agradecida polo edil nacionalista durante a súa intervención no pleno, na que culminou recalcando que “é preciso que fagamos políticas dende o local para avanzar no global”.

Este documento é imprescindible para mellorar a mobilidade e a relación da cidadanía co medio ambiente e afrontar os retos que o Concello de Bueu ten por diante. As seis estratexias que traza o documento son: facilitar a mobilidade peonil e ciclista, potenciar o transporte público, racionalizar o uso do automóbil, mobilidade turística e sustentable, mobilidade inclusiva, segura e ambiental, e xestión da mobilidade.

Cada unha destas estratexias consta de medidas e liñas de actuación concretas, a adoptar no medio e longo prazo. Así, para facilitar a mobilidade peonil proponse a creación de sendas peonís, camiños rurais, puntos de alugueiro de bicicletas ou eixos cívicos, entre outras. Co fin de potenciar o transporte público, as dúas medidas máis interesantes son a mellora da accesibilidade das paradas e a creación dun punto de intercambio de transporte. Moi en relación con isto están as medidas que buscarán racionalizar o uso do automóbil, como a reordenación do tráfico ou a integración de novas conexións.

No caso da mobilidade turística sustentable, a principal liña de actuación será a de xestionar espazos de aparcadoiros de diversos usos. E xa, por último, no documento tamén se recollen as actuacións que camiñarán na consecución dunha mobilidade inclusiva e segura, co fomento de políticas de accesibilidade, eliminación de barreiras arquitectónicas, a mellora da seguridade nos cruces de vías, os camiños escolares ou a incorporación do vehículo eléctrico.