O Concello de Bueu reivindica a loita contra as violencias machistas

  • Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, apelou á necesidade de “erradicar as violencias machistas e a desigualdade dende a educación e a concienciación cidadá”
  • O Concello difundiu na canle de Youtube e nas redes sociais un vídeo de lecturas contra o machismo na voz de concelleiras e concelleiros da corporación

“Nin unha máis! Nin unha menos!”. Así finalizou Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social, o manifesto polo 25 de Novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, no marco da concentración silenciosa que organizou o Concello de Bueu este mediodía e na que estiveron presentes representantes de todos os grupos políticos da corporación. A concelleira deu lectura á declaración institucional que xa fora aprobada polo pleno no pasado mes de outubro e na que apelou á necesidade de “erradicar as violencias machistas e a desigualdade, a través da educación, da concienciación cidadá e, sobre todo, da unión e implicación de todos os partidos políticos e da cidadanía en xeral”.

A este acto sumouse a estrea dun vídeo no que concelleiras e concelleiros da corporación municipal len diversos fragmentos de poemarios, novelas e ensaios que reflexionan sobre o machismo e as violencias exercidas contra as mulleres, e que se pode ver na canle de Youtube municipal, e nas redes sociais.

A corporación tamén asistiu ao Centro Social do Mar para coñecer o proxecto do alumnado do CPR Virxe Milagrosa, no que traballaron os micromachismos a través de formatos tan novidosos como os podcasts ou os vídeos curtos. Segundo explicaron na súa intervención, “durante o día de hoxe colocamos carteis en diversos puntos e establecementos da vila nos que a cidadanía pode escanear un código QR e acceder á totalidade destes contidos”.

A concelleira destacou que “é importante que se traballe na erradicación das violencias machistas durante os 365 días do ano” e valorou moi positivamente o labor que dende os centros educativos realizan coa rapazada. Precisamente, a comezos da semana, Ana Isabel Otero visitou os colexios e institutos para repartir as máscaras elaboradas polo Concello co lema “O machismo mata”, e tamén coñeceu de primeira man as propostas nas que traballaron de cara a este 25 de Novembro diferente.