Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comunicado do Concello de Bueu en relación co Decreto 179/2020, de 4 de novembro, sobre medidas de prevención da Covid-19

O goberno local de Bueu reuniuse este xoves para valorar o Decreto 179/2020 da Xunta de Galicia que entrará en vigor este venres e que aplica medidas restritivas para previr a expansión da Covid-19.

O primeiro que queremos indicar é que o Concello de Bueu non se atopa en alerta, de aí que non dispoñamos do número das persoas contaxiadas, que con todo é baixo. Agardamos manternos nesta situación e para iso solicitamos a colaboración de todas as persoas, veciños e veciñas, que deberán seguir actuando con responsabilidade e sensibilidade, coidándose a si mesmas e ás demais. O grupo de goberno está en permanente alerta e conta cun plan de actuación que irá aplicando en caso de que se endureza a situación, para o que fai un seguimento diario do que acontece na nosa vila e na contorna.

Ante a situación en alerta vermella dos concellos colindantes e o peche perimetral destes, cremos conveniente transmitir á cidadanía bueuesa que debe seguir respectando as medidas para previr a expansión da Covid-19 (uso obrigado de máscara, distancia interpersoal, uso de xel hidroalcólico…). Así mesmo, debemos manter unha normalidade controlada, e dentro das posibilidades, a veciñanza debe reducir a mobilidade ao máximo posible, tanto interior como exterior, pois as boas cifras non nos deben levar a baixar a garda en ningún momento. Neste sentido, a Alcaldía dará instrucións á Policía Local para que incremente o control e a vixilancia para velar polo cumprimento das medidas. E tamén se solicitará á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que reforce os controis da Garda Civil nos accesos a Bueu, dado que a cidadanía está preocupada polos movementos de persoas que se poidan derivar doutros municipios en alerta vermella e moi próximos a nós.

Dende o comezo da pandemia, o Concello de Bueu, a través do Comité de Seguridade, estivo sempre atento e valorando as diversas modificacións e o avance da Covid-19 no municipio, sempre coa vista posta na garantía da seguridade cidadá. Neste sentido, contamos cun protocolo de uso das instalacións municipais dende hai tempo, un plan que os clubs deportivos e entidades culturais levan aplicando con moita dilixencia e sempre cun sentido de responsabilidade colectiva. Agradecemos, pois, a súa valentía para manter as actividades adaptadas ás circunstancias que vivimos e co cumprimento de todas as medidas indicadas dende o Concello.

Así mesmo, desde o goberno agradecemos o esforzo que está levando a cabo o conxunto do persoal sanitario, en especial o do Centro de Saúde de Bueu, a pesar das dificultades que atravesan e da escaseza de medios.

E tampouco podemos esquecer ao comercio local e á hostalería da vila, que atravesan momentos complexos pero que están resistindo e demostrándonos a súa valentía. Cómpre salientar que ao seu carón estaremos sempre, apoiándoos e axudándoos a través da organización de campañas e eventos que dinamicen as compras locais, porque eles son a alma e o que mantén Bueu vivo.

A continuación expoñemos de forma moi reducida as principais medidas a ter en conta, aínda que toda a información actualizada se pode seguir na web www.coronavirus.sergas.gal, ou consultar de forma detallada a “Orde do 4 de Novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia”.