O Concello instala un composteiro no CPR Virxe Milagrosa

  • Cunha capacidade de 800 litros, o composteiro xestionará os residuos de comida procedentes do comedor e das merendas dos recreos
  • A mestra composteira do Concello impartiu este luns unha formación ao profesorado para ensinarlle o funcionamento e como realizar o mantemento deste espazo

O Concello de Bueu continúa apostando pola compostaxe coma unha alternativa na redución do lixo orgánico. Este luns comezou a funcionar o composteiro de 800 litros instalado no CPR Virxe Milagrosa polo ente local (proporcionado no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra) coa realización da primeira achega por parte do alumnado. Este composteiro xestionará os residuos de comida procedentes do comedor e das merendas dos recreos. Desta maneira, os máis pequenos e pequenas poderán coñecer de preto o ciclo da materia orgánica, mediante a súa participación e corresponsabilidade no proceso. Así mesmo, servirá para crear conciencia sobre a xestión sostible dos residuos e o respecto cara o medio ambiente.

Iria Rey, mestra composteira do Concello de Bueu, impartiu unha formación ao profesorado deste centro para ensinarlle o funcionamento e como realizar o mantemento do composteiro. Esta charla tamén serviu para informar sobre a importancia e beneficios de tratar a materia orgánica in situ, sen necesidade de ser transportada, e obter así unha enmenda orgánica que se poderá usar como abono.

Por outra banda, proximamente realizaranse actividades escolares sobre compostaxe impartidas polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental), sempre respectando os protocolos establecidos por mor da Covid-19.

A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai xa máis de cinco anos, cando se instalaron os dous centros de compostaxe comunitaria na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos, evitando así que se mesturen con outros residuos e se reduza a emisión de contaminantes á atmosfera. Amais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais entre a poboación interesada; e xestionouse a instalación en case todos os centros educativos da vila: o CEIP Torre Cela, o CEIP A Pedra, o CEIP Montemogos de Beluso, o CPR Virxe Milagrosa e o IES Illa de Ons.

Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “estamos dando un salto de calidade en materia medioambiental e de xestión de residuos, pois dende maio deste ano contamos cunha mestra composteira”. As persoas que desexen informarse sobre a compostaxe poderán poñerse en contacto con ela a través do enderezo electrónico compostaxe@concellodebueu.gal.