Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un formulario participativo para analizar as demandas da cidadanía con respecto á piscina municipal cuberta

O obxectivo é que a veciñanza siga formando parte deste soño colectivo, cuxas obras de construción culminarán nas próximas semanas

Coas obras de construción da piscina municipal cuberta das Lagoas a piques de culminar, o Concello de Bueu publica un formulario co que pretende coñecer as demandas da cidadanía para o que será esta infraestrutura deportiva que se agarda que comece a funcionar proximamente. Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “trátase dun gran centro deportivo e da saúde que contará con moitos servizos, e queremos que a cidadanía siga formando parte deste soño colectivo”.

Obras y Servicios Gómez Crespo SL é a empresa encargada de construír esta instalación deportiva, na que xa soamente quedan por acometer algunhas cuestións de índole menor. Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só fai fronte a menos de 50.000 euros. A instalación suporá un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina, se habilitarán diversas salas polivalentes co fin de fomentar a práctica de diversas disciplinas deportivas. Así mesmo, o Concello acondicionará os accesos á mesma, polo que o entorno estará perfectamente integrado coa instalación.

O formulario está dispoñible na web municipal (www.concellodebueu.gal) e poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica.