Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello inicia as obras de saneamento e abastecemento no Camiño de Xoalde, en Cela

  • A actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada por 33.149,99 € á empresa local Catorvi Excavaciones SL

O Concello de Bueu amplía a rede de abastecemento e saneamento no coñecido como Camiño de Xoalde, no lugar de Castrelo, na parroquia de Cela. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, ensino e medio ambiente, visitaron esta semana as obras que está acometendo a empresa Catorvi Excavaciones SL, e que contan cunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra.

As obras, que terán unha duración de execución aproximada dun mes, foron adxudicadas por un importe de 33.149,99 €, IVE engadido, e consisten na instalación de tubaxe de polipropileno de 250 mm para o saneamento; e a tubaxe de polietileno nun tramo de 285 metros para conectar o novo abastecemento coa rede municipal existente na zona.

Segundo destaca o rexedor da vila morracense, o Concello continúa completando os servizos básicos do rural, tanto de mellora dos accesos ás vivendas como a posta a punto do saneamento e abastecemento da auga.