En setembro volve o FICBUEU adaptado á Covid-19
Na presentación do evento, que tivo lugar esta mañá, anunciouse que o evento se celebrará do 11 ao 19 de setembro cunha ‘homenaxe ao público’
Xosé Leal, concelleiro de cultura de Bueu, participou este xoves na rolda de prensa de presentación do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), na que se anunciou que o evento se celebrará do 11 ao 19 de setembro cun programa máis reducido e adaptado ás esixencias da Covid-19. O edil nacionalista salientou que “é importante que a cidadanía saiba que asistirá a un evento seguro” e por iso “debemos apostar por estas actividades que a sociedade demanda para voltar á normalidade”. Dadas as medidas a adoptar este ano, o Concello incrementará o apoio loxístico ao festival, que será das primeiras actividades que se celebrarán no verán nun recinto pechado como é o Centro Social do Mar. Leal agradeceu tamén á organización pola valentía demostrada ao continuar co programa presencial do FICBUEU 2020.
Na próxima edición, o festival quere render unha homenaxe ao público fiel que ano a ano goza das proxeccións das curtametraxes e das actividades paralelas. Estes guiños manifestaranse xa no propio cartel, confeccionado coas fotografías de diversas persoas adeptas do festival, e que representan o seu espírito participativo e de contacto directo. E a outra cuestión será a inclusión dunha sesión de comedia, xénero que o público demanda cada vez máis. Así o explicou Manuel Pena, director do festival, quen apuntou que “temos moitas ganas de reencontrarnos co público na sala e de agradecerlle todo o apoio dende a primeira edición”.
En canto á programación, o festival contará cunha estrutura similar á de anos anteriores, aínda que con pequenas novidades adaptadas, sobre todo, ás restricións pola Covid-19. Así, as proxeccións da sección competitiva ampliaranse de dúas a catro, dado que o aforo da sala será da metade; e tamén se minimizan as actividades paralelas.
Toda a programación poderedes consultala na páxina web do FICBUEU.