Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo para o procedemento selectivo dun técnico/a de turismo

As persoas interesadas deberán entregar a solicitude ata o 2 de xullo e o contrato será de 3 meses

O Concello de Bueu abre o prazo de inscrición para o procedemento selectivo dun técnico/a para a Oficina de Turismo, que será de cinco días hábiles a contar dende o seguinte a publicación do anuncio na Sede Electrónica do Concello de Bueu, é dicir, ata o 2 de xullo.

O contrato será de 3 meses, cunha xornada laboral de 37,5 horas semanais, e entre as funcións da persoa seleccionada estarían as de asesorar e informar aos/ás turistas no punto de información, guiar e asistir ás persoas respecto de visitas ou traslados, fomentar o respecto pola riqueza e o patrimonio natural e cultural e atender continxencias ou imprevistos que poidan xurdir. Tal e como se establece nas bases, esta contratación conta cunha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.

O proceso selectivo consistirá nunha proba teórica de carácter obrigatorio e eliminatorio na que se terá en conta o temario contido nas bases: a Lei 7/2011 de Turismo de Galicia, as Rías Baixas, espazos naturais e protexidos do Concello de Bueu, o Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas, rueiro do Concello, praias, o Museo Massó, centros de interpretación, principais eventos e festas de Bueu e medios de transporte.

As bases completas e a solicitude atópase na web municipal www.concellodebueu.gal