O Concello comeza a instalación de dez estacións hixienizantes nos espazos públicos
O persoal da brigada de obras e servizos municipal comezou esta semana coa instalación de dez estacións hixienizantes nos espazos públicos que garantirán a seguridade e a hixiene da cidadanía. Así, en cada unha destas estacións haberá un dispensador con xel hidroalcólico, que é unha das medidas máis eficaces de protección e desinfección contra a Covid-19.
As zonas nas que se colocarán estas estacións serán na entrada da Casa do Concello, na entrada do Centro Social do Mar, na entrada da Casa do Pobo de Beluso, na entrada da biblioteca de Cela, no acceso aos Pavillóns Municipais de Bueu e Beluso, na entrada da Policía Local, no Departamento de Benestar Social e dúas nas entradas á Praza de Abastos.
O Concello inviste preto de 1.800 euros nestas estacións que serán moi importantes para a seguridade da cidadanía nas diversas fases da desescalada e na volta á nova normalidade, na que estamos plenamente inmersos.