Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xosé Luís Mosquera Camba e Lois Pérez Díaz gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu

  • Na categoría de poesía destacou a obra Trece maneiras de mirar un almanaque, e na de xornalismo, ‘Eloxio do apenovismo’
  • Os premios, tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, entregaranse nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas

Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez Díaz son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este luns pola tarde, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Xosé Luís Mosquera coa obra Trece maneiras de mirar un almanaque; e a Lois Pérez Díaz coa reportaxe ‘Eloxio do apenovismo’, publicada orixinalmente na revista Luzes.

O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Manuel López, poeta e gañador da edición anterior, Oriana Méndez, poeta e crítica literaria, e Xosé Henrique Costas, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor. Da lectura dos 55 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Mosquera, da que se sobranceou “a madurez literaria e contemporaneidade que se amosa na fluída integración de múltiples rexistros textuais e culturais no propio devir do poemario”. Ademais, o xurado considerouna “unha proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. Todo iso leva a que “o poemario acade un resultado exitoso que contribúe a consolidar o panaroma poético das nosas Letras”.

Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Héctor Pena, xornalista do Nós Diario e gañador da anterior edición, Carolina Sertal, xornalista de Faro de Vigo, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os vinte e tres traballos presentados ao certame, o gañador foi a reportaxe de Lois Pérez, de cuxo traballo o xurado valorou “a interrelación entre cultura e construción da AP-9”. Ademais saliéntase “a orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información”. Así mesmo, “é moi interesante o percorrido de Norte a Sur que fai ou autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9”.

A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas.

Biografías dos gañadores

Xosé Luís Mosquera Camba é un poeta nado en 1961 en Guísamo (A Coruña), que exerce como profesor de secundaria dende o 1990. Como poeta, publicou varios libros que mereceron algúns dos mellores premios de poesía da Galiza, caso de Nadja c’est moi (X Premio Concello de Carral), Amebas (Accésit do XXVII Premio Esquío de Poesía), Das árbores tropicais e do amor (XX Premio Concello de Carral), A traxedia da arquitectura (IV Premio Xosé María Díaz Castro) ou Parhelio (XX Premio Fiz Vergara Vilariño).

Pola súa banda, Lois Pérez Díaz (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista, e colaborador de diversos xornais galegos. Ten ás súas costas diversas obras de poesía e literatura infantil e xuvenil. Con A gruta da torre gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade e con A tribo do mar, o XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Historia do premio

Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

Este certame ten premiado a xornalistas e persoas recoñecidas deste mundo como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Héctor Pena…

E na categoría de poesía, forman parte do seu palmarés nomes como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira …

Reunión xurado xornalismo

Reunión xurado poesía