Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xa están á venda as entradas e abonos para as proxeccións e a gala do FICBUEU 2018

As entradas e abonos para as seccións competitivas do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) xa están á venda na web www.ficbueu.com. As sesións terán un custo de 2,50 euros por día, mentres que para as cinco xornadas da Sección Internacional poderá adquirirse un abono por 10 euros. O acceso á Gala e Festa de Clausura, que inclúe a entrega de premios, terá un prezo de 5 euros.

Deste xeito, para a Sección Galicia R, que se desenvolverá o sábado 8 de setembro, e para a Sección España do domingo 9, ambas as dúas ás 20 horas, poden mercarse entradas independentes ata as 14 horas do día en cuestión. Tamén para cada unha das xornadas da Sección Internacional, que terán lugar do luns 10 ao venres 14 cun dobre pase idéntico, ás 19.45 e ás 22 horas. No entanto, escollendo un dos dous horarios, é posible facerse cun abono para as cinco sesións, que inclúe un total de 21 filmes e que se venderá online ata o 6 de setembro por 10 euros. A Gala e Festa de Clausura celebraranse o sábado 15 ás 20.30 horas.

Cómpre salientar que directoras e directores das curtas galegas, como Fon Cortizo, Noemí Chantada ou o multipremiado Álvaro Gago, participarán na sesión Galicia R para falar dos seus traballos e ao remate, ás 21.30 horas, debaterán co público no Punto de Encontro ubicado na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa. Tamén realizadoras, produtores ou actrices de distintos países presentarán os seus filmes no Centro Social do Mar, nos dous pases diarios da Sección Internacional. Estes convidados estarán ademais de luns a venres ás 21.15 horas no Punto de Encontro para manter un coloquio coas persoas asistentes.

Na web do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu vanse tamén dispoñibilizando as entradas dalgunhas das propostas complementarias, coma concertos ou programas de radio, con prezos que van dos 3 aos 20 euros. Procúrase deste xeito ampliar o abano e a calidade da programación, aínda que boa parte das actividades e proxeccións seguirán sendo de balde, como é o caso da cinco sesións da Sección Panorama que se desenvolverán de luns a venres ás 18 horas. Tanto para estas como para o acto inaugural, o encontro con Mabel Rivera, o concerto infantil de Paco Nogueiras e a Gala Escolas Galegas será preciso retirar o mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar. Estará aberto do 7 ao 15 de setembro de 17 a 22 horas, e nas fins de semana tamén de 10.30 a 13.30 horas, mesmo para trocar as entradas online ou para a venda física anticipada no caso de que queden existencias.