Vídeos de ximnasia para o confinamento domiciliario

Para axudar ao mantemento físico nestes días de confinamento, os monitores deportivos do Concello de Bueu están realizando diversos vídeos que a cidadanía poderá ver na canle de Youtube municipal e que atenden a varias disciplinas. Segundo salienta o concelleiro de deportes, Ricardo Verde, “o obxectivo é contribuír a este confinamento ofrecendo alternativas para que as persoas que o desexen poidan facer deporte de forma sinxela nas súas casas”.

Ata o de agora, na canle audiovisual municipal xa están publicados catro vídeos: dúas de sesións de aerobic con María Piñeiro, un de ximnasia de forza e resistencia con Juan R. Martínez e outro de Pilates con Gonzalo Fernández.

O Concello de Bueu pretende continuar co fomento de hábitos saudables, un programa que reúne anualmente a preto de cincocentas persoas de todas as idades. En marzo, as ximnasias de mantemento tiveron que suspenderse, debido á alerta sanitaria e dende o goberno local avanzan que seguramente ata o próximo curso non comezarán de novo. Ante isto, e para que o deporte non pare, a alternativa son estes vídeos, dos que se irán publicando máis propostas nos próximos días, na canle de Youtube. Así mesmo, o edil da área apunta que os monitores manteñen contacto telemático coas persoas usuarias das ximnasias, en especial coas de matroximnasia e prenatal.

Aproveitando a boa acollida que están tendo os vídeos, o Concello de Bueu relanzará a súa canle de Youtube para que a partir de agora se poidan compartir contidos de interese a través dos cales a cidadanía teña coñecemento de diversos ámbitos: cultura, deporte, medio ambiente, turismo…