Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Usuarios da Asociación Juan XXIII revisan o Concello de Bueu para ver a súa accesibilidade

O rexedor da vila recibiu esta mañá a membros deste colectivo, que realizarán un informe sobre a adaptabilidade do edificio ás persoas con discapacidade

Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, recibiu este xoves a un grupo de usuarios da Asociación Juan XXIII de Cangas, para coñecer de primeira man o informe sobre accesibilidade que están elaborando nos concellos da contorna, entre os que se atopa Bueu. Por iso, revisaron as dependencias e accesos ás mesmas a fin de estudar a súa adaptabilidade para persoas con discapacidade.

Este informe forma parte da rede impulsada pola asociación “Concellos para todos”, na que se integran diversos municipios da provincia pontevedresa e que ten como obxectivo o apoio integral ás persoas con discapacidade intelectual. A adhesión do Concello de Bueu tivo lugar hai un ano nun acto celebrado en Pontevedra no que se explicou que o proxecto “contribúe a fomentar o desenvolvemento integral de todas as persoas, e promover actitudes reais e positivas na sociedade difundindo e divulgando o valor social das persoas con discapacidade intelectual”.

O rexedor mostrou, unha vez máis, o apoio a esta asociación que “traballa tanto e tan ben pola inclusión de todas as persoas na sociedade, a través de proxectos ilusionantes coma estes”.