Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Unha vintena de mulleres de Bueu comezan un taller de autoestima

  • A actividade desenvólvese na Sala Multiusos do local de Benestar Social e ofrece ferramentas para o exercicio dunha vida plena e de valoración das propias capacidades

Unha vintena de mulleres comezaron este mércores un taller de autoestima que organiza o Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Bueu. Esta actividade é de balde e desenvolverase ademais o 15, 21 e 28 deste mes. Nela Beatriz Monroy, psicóloga do CIM, ofrecerá ferramentas para que as mulleres poidan exercer unha vida plena e valorar as propias capacidades.

O taller abordará cuestións como a definición da autoestima e a súa construción, exercicios para a confianza persoal, técnicas para descubrir os recursos persoais e afrontar os pensamentos negativos, así como a creación dun discurso sobre a propia valoración persoal. O obxectivo é que as participantes poidan modificar as súas debilidades e mellorar as fortalezas para lograr avances na súa vida persoal e profesional.

Esta actividade forma parte do plan formativo e das accións implementadas anualmente dende a concellaría de igualdade e o Centro de Información ás Mulleres para que as mulleres dispoñan de ferramentas e recursos que garantan a súa independencia, así como para camiñar cara a igualdade plena e real.