Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un verán ateigado de actividades medioambientais en Cabo Udra

  • Os eventos desenvolveranse na propia Aula e na súa contorna e haberá propostas para todos os públicos
  • As persoas que desexen participar deberán apuntarse previamente de balde nos formularios habilitados na web de Alados

O Concello de Bueu organiza este verán un monte de actividades na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna, destinadas a todos os públicos e coas que pretende potenciar un dos emblemas da vila tanto entre a propia veciñanza como para o público visitante.

Despois da gran acollida deste programa no mes de xullo, a concellaría de turismo propón un calendario moi completo de propostas para agosto, que serán desenvolvidas pola Asociación Alados, está especializada no coidado da natureza. O obxectivo das actividades é, pois, fomentar o coñecemento sobre os espazos da contorna cun especial fincapé na parte medioambiental.

A primeira destas actividades será o 5 de agosto ás 11 horas co obradoiro familiar “Os animais de Udra e os seus Rastros”, e no que os nenos e nenas a partir de 4 anos poderán participar nunha charla participativa acerca dos animais que habitan en Udra, como a lontra, o teixugo, os corvos mariños, a foiña, o raposo, os xabaríns ou os coellos, ademais de elaboralos en arxila.

O 11 de agosto, entre as 22 e as 00 horas, está programado o paseíño nocturno “Bufos e estrelas”, a través do que as persoas participantes afondarán na natureza de Udra para coñecer a vida doutros seres nocturnos, como avenoiteiras, curuxas ou avelaionas, ademais de recoñecer diversas constelacións estelares. Este paseo repetirase o 18 e o 19 de agosto, de 21.30 a 23.30 horas. 

O 13 de agosto proponse un roteiro guiado por Cabo Udra entre as 10.30 h e as 12.30 horas, no que se poderá ampliar o coñecemento sobre a zona a través dunha camiñada para persoas de 6 anos en diante.

O 19 de agosto, entre as 11 e as 12.30 horas, organizarase o obradoiro familiar “Caderno de Campo Flora de Udra”, que consistirá nun achegamento artístico á Flora de Udra e da súa contorna, coma as namoradeiras, o Cerquiño, o allo silvestre, a honckenya, a correola, os paxariños amarelos…

Para todas as actividade requírese inscrición previa de balde na páxina web de Alados.

INSCRICIÓNS: