Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un verán ateigado de actividades medioambientais en Cabo Udra

  • Os eventos desenvolveranse na propia Aula e na súa contorna e haberá propostas para todos os públicos
  • As persoas que desexen participar deberán apuntarse previamente de balde nos formularios habilitados na web de Alados

O Concello de Bueu organiza este verán un monte de actividades na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna, destinadas a todos os públicos e coas que pretende potenciar un dos emblemas da vila tanto entre a propia veciñanza como para o público visitante.

Despois da gran acollida deste programa o verán pasado, a concellaría de turismo volve apostar un calendario moi completo de propostas para agosto, que serán desenvolvidas pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza. O obxectivo das actividades, que contan co financiamento do GALP Ría de Pontevedra, é fomentar o coñecemento sobre os espazos da contorna cun especial fincapé na parte medioambiental.

As actividades xa arrancaron a finais do mes de xullo, e para agosto volverá haber propostas para todos os públicos. O sábado 9 celebrarase a partir das 21.30 horas unha noite morcegueira, organizada coa colaboración de «Morcegos de Galicia» e na que as persoas participantes se achegarán ao fabuloso mundo dos morcegos. Esa mesma fin de semana, o domingo 11, ás 11 horas, terá lugar o paseo familiar “Rastros de Animais”, no que se fará unha exploración da contorna a través dunha achega ás especies de fauna terrestre máis emblemáticas e características deste zona, á vez que se realiza unha introdución á técnica de seguimento de rastros e sinais de animais.

O 17 de agosto, a partir das 12 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar do obradoiro “Animais e Rastros” no que se presentarán os animais que habitan Udra coma a Lontra, o Teixugo, os corvos mariños, a Foiña, o Raposo, os Xabaríns, o Coello, entre outros. Ademais tamén se elaborarán pegadas destes animais en arxila. E ese mesmo día pola noite, ás 22 horas, celebrarase unha noite de estrelas en Cabo Udra, na que se realizará unha iniciación á astronomía e se observarán as diferentes constelacións ao tempo que gozan do ceo nocturno.

O 23 de agosto, ás 21.15 horas, será o paseo nocturno “Animais da Noite” no que se coñecerán os seres nocturnos que viven neste espazo, como as Avenoiteiras, Curuxas, Avelaionas, entre outros. Ao día seguinte, 24 de agosto, ás 12 horas terá lugar unha charla manipulativa e didáctica sobre as aves mariñas e litorais e un taller de elaboración dun móbil colgante dun mascato. O domingo 25 de agosto terá lugar ás 12.30 horas o paseo familiar “O Intermareal”, unha actividade familiar de exploración do medio intermareal e investigación de charcas e sistemas rochosos intermareais e a diversa e valiosa fauna que o habita. E o 31 será o roteiro ambiental “Flora invasora”, unha achega á flora exótica invasora máis frecuente
que podemos atopar na costa galega e dos problemas ambientais sobre os ecosistemas que xera a súa presenza.

Ademais das actividades propostas, as persoas interesadas poderán visitar a Aula da Natureza de Cabo Udra, que estará aberta durante as fins de semana. Concretamente, o horario será os venres de 17 a 20.30 horas; os sábados, de 11 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas; e os domingos, de 11 a 14.30 horas.

Para todas as actividades requírese inscrición previa de balde na páxina web de Alados.