Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un pleno especial protagonizado polas propostas do alumnado do CEIP A Pedra

  • O salón de plenos da Casa Consistorial encheuse hoxe coa visita dun grupo de 51 rapaces e rapazas do colexio bueués, para coñecer o funcionamento do Concello e propoñer ideas

O salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu foi o escenario este venres dun pleno especial protagonizado por cincuenta e un rapaces e rapazas do CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu. Alí coñeceron o funcionamento do Concello e dos órganos de goberno como o pleno, nun acto no que participaron o alcalde, Félix Juncal, e outros concelleiros e concelleiras do goberno, como Silvia Carballo, Carmen García e Xosé Leal.

O alcalde mostrou a súa satisfacción por este acto pois “para nós sempre é unha honra recibir a visita dos máis pequenos e pequenas, dos que tanto aprendemos e que nos dan un sopro de aire fresco no medio da rutina diaria”.

A visita estivo organizada polo centro educativo e busca ser un complemento aos contidos curriculares, pois os nenos e nenas estudaron nos meses previos cuestións relacionadas co Concello así como coa vila. De feito, mesmo deseñaron unhas eleccións ficticias, e hoxe o equipo que resultou gañador expuxo as súas propostas para Bueu diante deste público tan especial.

Os nenos e nenas fixeron distintas peticións sobre cuestións como a mobilidade e obras e servizos diversos. Así, por exemplo, demandaron que se solucionase a rampla de acceso á Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, que se renoven os aparcadoiros, que se arranxen as baldosas rotas das beirarrúas, que se potencie a mobilidade peonil e se fagan carrís para bicicletas e patinetes, que se arranxe o skate park, que se mellore o Pavillón Municipal de Beluso, que se elimine os graffitis ou que se adopten medidas para evitalos. aquí  ao igual que cando nomeades a unha persoa representante dunha aula.

Dende o goberno tomouse boa conta das peticións e o alcalde dialogou cos pequenos e pequenas para explicarlles o estado de cada unha delas.