Un mercado solidario para axudar a Cáritas Bueu
- Estará no baixo da r/ Pazos Fontenla, 32, do 5 ao 8 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas
Un ano máis, Cáritas Bueu organiza o mercado solidario de verán, que se desenvolverá do 5 ao 8 de agosto nun baixo comercial da rúa Pazos Fontenla, 23, e que ten por lema Vive la Solidariedad. Deja tu huella”. O horario será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse, entre outros, con produtos de electrónica, roupa, xoguetes ou libros, que foron doados por persoas particulares e institucións públicas e privadas. Así o salientou Lourdes García, en representación de Cáritas Bueu, durante a rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e do párroco da vila, José López.
Esta iniciativa, que xa conta cun percorrido de máis de dez anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada ás familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social. O párroco apuntou que “este evento pretende dar a coñecer a labor de Cáritas e buscar a colaboración das persoas que visitan a vila nestes meses de verán”.
Por último, o alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan saír de diversas dificultades, e “máis nun ano tan complexo como o que estamos a vivir”.