Un mercadiño solidario para axudar a Cáritas Bueu
- Estará na Sala Domínguez Búa do 9 ao 11 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas
Un ano máis, Cáritas Bueu organiza un mercadiño solidario de verán, que se desenvolverá do 9 ao 11 de agosto na Sala Amalia Domínguez Búa e que ten por lema “Se queres cambiar o sentido dunha sociedade de valores, acepta a todos por igual sen pedir nada a cambio”. O horario será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse con produtos de electrónica, roupa, xoguetes, etc, que foron doados por persoas particulares e institucións públicas e privadas. Así o salientou Manuel Golmayo, director de Cáritas Bueu, durante a rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e do párroco, José López.
Esta iniciativa, que xa leva un percorrido de máis de sete anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada a un total de cincuenta familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social.
O párroco apuntou que “este mercadiño, ademais de recadar fondos, supón unha chamada de atención á solidariedade, nun momento no que o compromiso de todos e todas é máis necesario ca nunca”.
Por último, o alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan saír de diversas dificultades.
As persoas que desexen colaborar mediante a entrega de obxectos ou produtos para este mercadiño, aínda están a tempo, podendo realizar a entrega na parroquia de San Martiño de Bueu ou no local de Cáritas.