Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu alerta da nefasta xestión dos niños de vespa velutina pola administración autonómica

  • As persoas que teñan constancia de niños preto das súas vivendas deberán chamar ao 012 e entregar unha instancia por Rexistro Xeral no Concello de Bueu

Desde a concellaría de medio ambiente de Bueu, dirixida polo nacionalista Adrián Ferrer, infórmase a toda a veciñanza sobre as medidas de control e tratamento que se están levando a cabo sobre a vespa velutina, un tema que preocupa sobre todo no verán coa retirada dos niños secundarios, non só pola problemática ambiental senón tamén pola seguridade das persoas.

Como antecedentes, é preciso lembrar que na vila de Bueu no 2014 a retirada dos niños era realizada por parte da administración autonómica ata que o Concello asinou o Convenio de Concello Colaborador, “polo cal se nos proporcionaron traxes e unha pértega para a retirada dos niños (a cal en moitos dos casos non chegaba e tíñase que utilizar a dos Concellos limítrofes)”, tal e como apunta Ferrer. Dita retirada realizábase mediante ese convenio en colaboración cos membros de AGA – Morrazo, pero dado que este ano estes voluntarios rexeitaron seguir a realizar estes traballos de forma voluntaria coa colaboración económica e medios do Concello, démonos de baixa como concello colaborador, polo que este verán a Xunta debe asumir de novo a retirada. Con todo, no prazo de menos dun mes, no Concello tense constancia de que “a retirada por parte do 012 e da administración autonómica está sendo totalmente ineficiente acumulándose niños sen retirar incluso en vivendas ou en núcleos de poboación con risco”, tal e como aclara o concelleiro de medio ambiente.

Ante o que está a acontecer, infórmase á cidadanía que no momento de chamar ao 012 no caso de ter un niño próximo á súa vivenda, entregue tamén no Rexistro Xeral un escrito para poder ter constancia.

É preciso detallar que o Concello de Bueu asumiu cos recursos propios unha campaña de trampeo na que se repartiron 125 trampas co seu líquido correspondente e realizáronse diferentes charlas nas aldeas e parroquias para informar desta problemática socio – ambiental.

A nivel comarcal, traballouse na coordinación cos concellos de Cangas, Moaña ou Vilaboa chegando a ter unha reunión na Delegación da Xunta en Pontevedra reclamando máis implicación e colaboración por parte da administración autonómica, que é a que conta con medios humanos e económicos.

Por último, é preciso sinalar que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) solicitou información e opinión sobre as incidencias neste eido, ás que desde o Concello se lle transmitiu as ditas inquedanzas e a deixades de función por parte da Xunta na retirada de niños.