Saen á venda as entradas e abonos para o 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
As entradas e abonos para as proxeccións do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu xa están á venda na web www.ficbueu.com. As sesións individuais terán un custo de 3 euros, mentres que para as cinco xornadas da Sección Internacional poderá adquirirse un abono por 12 euros. O monólogo que Manuel Manquiña ofrecerá o 11 de setembro ás 22 horas, na xornada de apertura, terá un prezo de 15 euros.
A Sección Internacional desenvolverase do luns 14 ao venres 18 con catro pases a elixir, ás 16, 18, 20 e 22 horas. Para as seccións Galicia R e España só hai entradas soltas, aínda que de cada unha se organizarán tres sesións con idéntico contido durante a primeira fin de semana. O sábado 12 e o domingo 13 de setembro, ás 18 horas, tamén se proxectarán os dous bloques da Sección Experimental, con programas diferentes, mentres que a Sección Comedia poderá verse o sábado día 19. O resto das proxeccións, entre as que se atopan as sesións matinais Infantil e Familiar, terán carácter gratuíto.
A programación do FICBUEU 2020 incorpora unha ducia de actividades máis con acceso de balde, para as que bastará con retirar un convite no despacho de billetes o mesmo día da súa celebración. Tal é o caso do acto inaugural, no que se estrearán as curtas realizadas nos obradoiros do último curso, ou o Encontro con Melania Cruz, actriz que recollerá o Premio Cinema Galego. Tamén os coloquios con profesionais do sector, a proxección dun filme de Buster Keaton musicalizado en directo ou a presentación do novo libro do crítico Javier Tolentino.
Todas as actividades terán lugar no Centro Social do Mar, ben no auditorio ou ben no “punto de encontro” situado no primeiro andar. O despacho de billetes abrirase na semana previa á inauguración, do luns 7 ao xoves 10 de setembro, de 19 a 21 horas, mentres que nas datas do festival, desde o venres 11 ata o sábado 19, o horario será de 15:30 a 22:15 horas. Ademais, nas fins de semana tamén estará operativo polas mañás, entre as 10:30 e as 12:30 horas. Nestas franxas poderán recollerse os convites, trocar o resgardo da compra online polos tickets físicos ou mercar as entradas que non se venderan na tenda online, que pechará unhas horas antes do inicio de cada actividade. O venres 18 adquiriranse presencialmente as entradas para a Gala de Clausura do día 19, ao prezo de 3 euros.