Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Persoal técnico visitará os composteiros individuais de Bueu entregados pola Deputación de Pontevedra

Técnicos e técnicas de compostaxe do Plan Revitaliza visitarán nas próximas semanas ás persoas que dispoñen dos 276 composteiros individuais na vila de Bueu que foran entregados coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

O obxectivo é realizar unha primeira visita a cada persoa, previo contacto telefónico, para corrixir erros no uso, e unha segunda, para verificar que se está realizando o tratamento de residuos orgánicos de forma correcta. Segundo apuntan dende a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, a realización destes seguimentos asegura a boa implantación do Programa de Compostaxe Doméstica, ao que cada vez se suman máis veciños e veciñas. Con estas visitas resolveranse as dúbidas das persoas usuarias e solucionaranse as posibles incidencias que poden xurdir, un proceso no que a taxa de abandono diminúe e o nivel de satisfacción aumenta. Isto vaise traducir nunha maior aceptación da compostaxe como método de valorización dos residuos e unha maior visibilidade das actuacións da Mancomunidade neste ámbito. Toda a información recollida nos seguimentos é necesaria para ter un control do programa de compostaxe doméstica, e a empresa encargada de facer os seguimentos chamará previamente a cada persoa usuaria para concretar unha data e hora para realizar a visita.

O Concello de Bueu continúa coa aposta pola compostaxe, pois xa conta con catro centros comunitarios (na rúa José María Estévez, en Johan Carballeira, na Rúa Nova de Beluso e pendente de activar o da rúa Pescadoira) e dispón de composteiros individuais, polo que as persoas interesadas en obter un poderán solicitalo de balde a través do enderezo electrónico compostaxe@concellodebueu.gal.

Así mesmo, o persoal técnico tamén chamará á veciñanza de Cangas, onde se entregaron 243 composteiros, e de Moaña, con 367, municipios que conforman a Mancomunidade de Concellos do Morrazo.