Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para as obras de ampliación do cemiterio de Beluso

  • O proxecto ten un orzamento base de 65.427,14 €, IVE engadido, e a actuación permitirá contar con novos nichos, columbarios e cinseiros

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas económicas para acometer o proxecto de ampliación de nichos, columbarios e cinseiros no cemiterio de Beluso, cuxo prazo abranguerá ata o 21 de febreiro. As obras teñen un orzamento de 65.427,14 €, IVE engadido, e serán financiadas con cargo ao Plan Concellos 2022.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que se trata dun “proxecto que se prevé que estea executado na primavera”. Así, a actuación contempla a dotación de novos nichos, columbarios e cinseiros dentro do recinto actual, na zona libre ubicada nun lateral da entrada principal e outra ao fondo, ambas anexas ao muro perimetral. O que se estipula no proxecto é que haberá dúas zonas de actuación nas que se instalarán os elementos de formigón, que permitirán unha redución considerable do tempo de execución das obras. A primeira destas áreas contempla a implantación dun módulo de 68 nichos (17 en horizontal e 4 en altura), e outro módulo composto por 25 columbarios (5 en horizontal por 5 en altura) e situados no lateral no módulo de nichos, e sobre o que se situará unha fila cun total de 17 cinseiros baixo a cuberta inclinada de remate do módulo; mentres, a segunda zona constará de tres módulos de 20  columbarios cada un (4 en horizontal por 5 en altura) cunha distribución en forma de “U”, xerando unha praza de acceso retranqueada con respecto á rúa.

O proxecto prevé así mesmo a execución das beirarrúas frontais dos módulos, a colocación de reixas sumidoiro de pluviais e a conexión das novas conexións ás xa existentes.

Este proxecto súmase a outro de similares características que se realizou no cemiterio de Bueu e que permitiu que se ampliase este espazo con 108 novos nichos, 52 columbarios e 27 cinseiros, e no que tamén se arranxou a entrada principal e os accesos. O Concello agarda facer un proxecto de similares características en Bueu e a intención do goberno local é que se poida iniciar outro no futuro para o cemiterio de Cela.

Toda a información sobre o proxecto pode verse na Plataforma de Licitación de Contratos do Sector Público.