Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Izar a Bandeira Azul na praia urbana da Banda do Río supoñía no seu momento unha utopía, pois ata hai uns anos non podiamos pensar nin nesa posibilidade. Iso cambiou e cando a consigamos teremos un soño realizado. Gustaríame encarar así este 2022, no que seguiremos cumprindo soños e defendendo o Bueu que somos, o Bueu que construímos nestes catorce anos de goberno, e o Bueu polo que seguiremos apostando.

Hai unhas semanas presentamos as candidaturas para acadar as Bandeiras Azuis nos areais e centros medioambientais do municipio na próxima tempada estival, un galardón que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), e ao que presentamos por primeira vez a praia da Banda do Río, o que suporía un fito histórico, sobre todo porque este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas dende o primeiro día por este goberno. Precisamente, e xa coa vista posta nesta campaña, puxemos en marcha o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se acaban de instalar uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.

Estamos, pois, nun momento ilusionante e a consecución deste distintivo poñería a guinda a un traballo de moitos anos e de moitas persoas. Lembro que foi no ano 2008 cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais desta praia e que facían que as augas non fosen aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas, e por iso nomeo algunhas das actuacións que se levaron a cabo e que contribuíron a facer desta unha praia da que xa todas e todos podemos gozar con plenas garantías: a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno, son só algunhas das máis salientables. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora da calidade ambiental neste areal que pasou de contar cuns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se veu refrendando nos últimos anos. Pero non debemos baixar a garda, temos que seguir sendo inconformistas en canto ao coidado ambiental de todos os espazos naturais da vila, e aínda queda moito por facer.

Así, pois, esta candidatura supón a conquista de novos espazos de convivencia e relación social, pero tamén o incremento de recursos turísticos que teñen unha incidencia directa na economía local. Agardamos seguir colleitando os froitos das diversas obras e xestións que implementamos anualmente para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realizan un labor importante no mantemento do patrimonio natural. Por fin, a praia da Banda do Río é do pobo.

Seguimos traballando e conquistando novos espazos e melloras para a veciñanza que ten a súa vida diaria aquí, mais tamén pensamos nas persoas que nos visitan, facendo de Bueu o mellor escaparate das políticas sustentables co medio ambiente. Nese horizonte, e coas persoas sempre presentes, encaramos este 2022!

Félix Juncal Novas
Alcalde de Bueu