Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Os segredos da fotografía e os efectos sonoros do cine, ao descuberto nos vermús do FICBUEU

Os segredos dos efectos sonoros e mais da dirección de fotografía nun filme desvelaranse en senllas charlas-vermú que se levarán a cabo dentro do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra). O Punto de Encontro do FICBUEU, ubicado na sala Amalia Domínguez Búa, será o escenario de ambas as propostas na primeira fin de semana do evento, que se desenvolverá do 7 ao 15 de setembro. As dúas actividades, patrocinadas por Bodegas Lodeiros, serán de acceso libre e gratuíto.

O sábado día 8, ás 11.30 horas, a charla ‘Foley Artist, creando sons de película’ deixará ao descuberto un dos máis descoñecidos e peculiares oficios no proceso da elaboración dun filme. Unha disciplina que debe o seu nome ao neoiorquino Jack Foley, quen desenvolveu moitas das técnicas que hoxe en día se levan a cabo para recrear diferentes sons no cinema. Os experimentados Diego Staub e Miguel Barbosa ofrecerán demostracións en vivo do labor que habitualmente realizan no seu estudio, un espazo cheo de obxectos insólitos dos que obteñen as sonoridades que precisan. Desde a empresa Sound Troop, unha das máis prestixiosas de Europa neste eido, teñen traballado nun cento de fitas de amplo percorrido, como Julieta, Insidious, The babysitter ou a gañadora dun Goya ao mellor son Verónica. Ademais, destaca a súa presenza en mercados internacionais como o americano, o danés, o suízo ou o indio.

O domingo 9 de setembro, ás 11 horas, terá lugar a conferencia ‘A fotografía no cinema, da imaxe imaxinada á realidade realizable’, unha clase maxistral impartida por Lucía Catoira que achegará os procesos necesarios para definir o “look” dunha obra cinematográfica dende a área de fotografía. A convidada explicará como se traduce o estado inicial abstracto dunha obra para que poida materializarse, así como a súa relación con outros departamentos, a importancia da localización ou as posibilidades que ofrece a posprodución. Dirixida a todo tipo de público, a actividade revelará algunha das claves da directora de fotografía á hora de afrontar cada novo traballo. Lucía Catoira vén de traballar en recoñecidos títulos como Matria, Dhogs ou Trote e está considerada un dos grandes valores do audiovisual galego.