Os nove puntos de recollida de aceites usados de Bueu recolleron 1.488 quilogramos, unha cantidade que tería contaminado 1.636.800 litros de auga
A emerxencia climática mundial debe tratarse desde o local para que sexan efectivas as accións que preserven o noso planeta
O goberno bueués está a contribuír con diferentes políticas na recollida e tratamento de residuos para loitar contra a emerxencia climática á que se enfronta o planeta e, en especial, os océanos. Neste aspecto, a colocación desde o pasado mes de xuño de nove puntos de recollida de aceites usados en diferentes puntos da vila está a permitir que con eses 1.488 quilogramos recollidos se evitara a contaminación dun total de 1.636.800 litros de auga, segundo os datos aportados polo xestor autorizado Procesadora Gallega de Alimentos S.L. A compostaxe colectiva con dous centros na vila incluídos no Revitaliza e 50 fogares con individual do plan de Sogama, e o reforzo durante o verán da recollida tanto de material orgánico como reutilizable a nivel xeral e en eventos concretos supón tamén unha aposta que se quere incrementar nos vindeiros anos ante o reto do novo modelo comarcal para o lixo.
Os elementos nos que se ven depositando en recipientes o aceite vexetal usado están integrados en illas de tratamento de residuos. O de Cela está no cruce de acceso á praia de Agrelo e nel lévanse recollido ata hoxe 120 quilogramos; en Loureiro 140 quilogramos; no do cruce da avenida de Marín con A Canceliña 155 quilogramos; en Montero Ríos fronte ao Centro Social 240 quilogramos; no da pista da Banda do Río 150 quilogramos; no do cruce Pazos Fontenla con Johán Carballeira 370 quilogramos; no do centro de Beluso en Rúa Nova 116 un total de 210 quilogramos; no da praia de Beluso 38 quilogramos; e no da prazoleta de Cabalo 65 quilogramos. Este último precisamente vén de ser retirado ao soltarse a súa anclaxe á vía e será reposto en breve. Neste sentido, desde o goberno local o concelleiro de residuos, Xosé Leal, pide á cidadanía que coide estes elementos xa que desde a empresa que fai a recollida veñen de indicar que foron golpeados tanto o de Cabalo como o da Avenida de Marín e o de Pazos Fontenla.
Compostaxe e novo modelo
O tratamento dos biorresiduos a través dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza é outra das apostas no tratamento do lixo que leva a cabo o equipo de goberno. Neste sentido, Bueu conta con dous centros situados na zona das Lagoas que foi instalado en outubro de 2016 e outra na rúa Xosé María Estévez desde abril de 2017, onde se trataron arredor de 72 toneladas de biorresiduos, é dicir, de lixo orgánico da veciñanza da zona (restos de comidas e vexetais) e de fracción vexetal (restos de podas e estruturante), sendo 33 toneladas o das Lagoas e 39 o de Xosé María Estévez.
Estes residuos foron tratados in situ baixo a vixilancia das mestras e mestras composteiras ata que se converteron en compost e, polo tanto, detraéronse dos colectores verdes e non tiveron que ser enviados a Sogama. O resultado foi a produción de aproximadamente unhas 25 toneladas de compost groso, das que unha parte deixáronse en bruto para fertilizar xardíns e fincas e outra pasou pola peneira para obter compost máis fino para ser utilizado en macetas pequenas.
Ademais a compostaxe individual a través dun plan de Sogama ao que se adheriu o Concello desde maio de 2017 fai que estean instalados composteiros de 350 litros de capacidade en 50 fogares desde maio de 2017.
Precisamente, o goberno local quere seguir incidindo na compostaxe para o cal está a estudar o informe realizado para a Mancomunidade para o novo servizo de recollida e tratamento de lixo, ademais de estar a barallar diferentes zonas da vila para crear unhas illas para o depósito dos restos vexetais por parte de particulares.
Para Xosé Leal “a emerxencia climática mundial debe tratarse desde o local para que sexan efectivas as accións que preserven o noso planeta”.