Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Os concellos do Morrazo organizan unha campaña de dinamización lingüística para a hostalaría

  • Silvia Carballo, concelleira de normalización lingüística, participou este martes na rolda de prensa no salón de plenos cangués

Os Concellos de Bueu, Cangas e Moaña volveron unirse para poñer en marcha unha campaña de dinamización lingüística para a hostalaría das tres vilas. Así o salientaron na rolda de prensa celebrada hoxe no Concello de Cangas, na que estiveron presentes os tres edís de normalización lingüística: Silvia Carballo, de Bueu, Heitor Mera, de Cangas, e Aldán Santamarina, de Moaña.

Así, en total imprimíronse 10.000 carteis cunha viñeta de Luís Davila expresamente deseñada para esta campaña que ten un duplo obxectivo: promover o uso do galego entre os e as visitantes nunha época como a estival e que a veciñanza morracense se sinta orgullosa de contar cunha lingua propia. Así o apuntou o edil moañés no acto desta mañá, no que Silvia Carballo tamén salientou a “importancia de que o deseño sexa de Luís Davila, un ilustrador bueués e tan recoñecido nesta terra”. Por último, Heitor Mera destacou que “esta iniciativa é unha homenaxe a todas as persoas que desde a base turran da nosa lingua”.

Os locais da hostalaría de Bueu que queiran contar cun lote de manteis poderán achegarse ao Concello de Bueu, concretamente ao 2º andar en horario de 8.00 a 13.30 horas a partir deste venres.

Deseño de manteis de Luis Davila