Os Centros de Interpretación de Agrelo e Cabo Udra forman parte da Rede Rema
- Este martes, o GALP inaugurou no 2º andar da Praza de Abastos a exposición ‘O océano que nos une’, que se poderá ver ata o 15 de decembro
O Concello de Bueu súmase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), coa inclusión da Aula da Natureza de Cabo Udra e do Centro de Interpretación de Agrelo. Así se anunciou este martes na inauguración da exposición ‘O océano que nos une’ no segundo andar da Praza de Abastos, na que estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Guillermo González, coordinador do proxecto Morada Atlántica e xerente do GALP Costa da Morte, María del Carmen Vázquez, presidenta do GALP Ría de Pontevedra, e Laura Nieto, xerente desta entidade.
A Rede Rema é unha iniciativa posta en marcha no marco do proxecto Morada Atlántica e no que están involucrados todos os Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP) de Galicia, ademais de oito portugueses, tres andaluces e un canario. O obxectivo desta rede é ofrecer unha maior visibilidade a estes museos dándolles tamén a oportunidade de participar en diversas actividades conxuntas para poñer en valor a súa relevancia relacionada co patrimonio material e inmaterial ligado ao Atlántico.
A mostra, que se poderá ver en Bueu ata o 15 de decembro, está formada por paneis informativos de cada un dos espazos museísticos atlánticos que se foron adherindo nas primeiras fases.