Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Olaxonmario reivindica en Bueu a identidade e liberdade afectivo – sexual no Día do Orgullo LGBTIQ+

  • O youtuber participou este luns na lectura do manifesto institucional polo Día do Orgullo na Praza Massó, no marco das IV Xornadas Pola Diversidade Afectivo – Sexual

O youtuber galego coñecido como Olaxonmario interveu este luns nas IV Xornadas Pola Diversidade Afectivo – Sexual do Concello de Bueu para reivindicar o dereito de todas ás persoas á liberdade e identidade sexuais. O boirense deu lectura ao manifesto do Concello de Bueu con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ na Praza Massó, aínda que previamente quixo lembrar o seu proceso de “saída do armario” a través de tres momentos vitais, que compartiu coas persoas asistentes a modo dun conto con moito humor e retranca. Na súa intervención fixo unha defensa a favor de todas as persoas e lembrou que “a día de hoxe, en moitos países do mundo, está penalizado ser diferente”.

A declaración institucional do Concello estivo centrada este ano no apoio ao colectivo trans, un apoio que chega nun ano difícil sobre todo cando o feminismo radical cuestiona o dereito destas persoas a formar parte do movemento. O texto apuntaba que “o gran problema de todo isto é que non é un debate. Os dereitos humanos das persoas trans non deberían estar abertos a consulta pública” e continuaba engadindo que “o mero feito de que a identidade dun grupo de persoas e os seus dereitos poida ser un debate social, é dicir, que se poida poñer en cuestión, é un claro sinal de quen ten o poder nesta conversación”. O manifesto reivindica que “dende as institucións públicas e a sociedade en xeral non podemos ficar en silencio, temos que reivindicar que os dereitos humanos son universais e que ningunha persoa debería sentir medo a manifestarse como é”.

Despois do acto, o Centro Social do Mar acolleu a proxección do filme “Call Me By Your Name” de Luca Guadagnino, que conta a historia de amor entre dous homes no verán de 1983 nunha casa de campo do norte de Italia.

As xornadas culminarán o próximo venres, 2 de xullo, co espectáculo “A Drag Pandeireteira” a cargo de Meiga-i na Praza Massó, despois da que terá lugar un faladoiro arredor do mundo drag e da súa experiencia persoal. “A Drag Pandeireteira” mestura a tradición coa reivindicación, e na que atoparemos espíritos de cantareiras galegas que posuirán á Meiga-i.

Tamén, e como vén sendo habitual, durante esa semana estase a realizar o pintado dun dos bancos da Praza Massó e un taboleiro da diversidade realizado polo artista local Josuha Acuña “Xanbreo”.

Estas xornadas inciden no papel que deben cumprir as administracións na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade.