O X Trail de Cela celébrase este domingo con récord de participación
- O evento suma xa a súa décima edición con tres modalidades: unha maratón de 42 quilómetros, unha carreira de 24, e unha andaina de 16
- En total participan 558 persoas, e a organización destaca o crecemento deste evento que medra ano tras ano
Como xa vén sendo habitual no calendario deportivo, o Concello de Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras organizan este domingo, 21 de xaneiro, o X Trail de Cela, que constará dunha carreira competitiva de 24 quilómetros e unha andaina non competitiva de 16, ademais dunha maratón que é novidade este ano e que consta de 42 quilómetros. Entre estas tres probas súmanse 558 participantes, que supón a cifra récord deste evento que medra ano tras ano. Así se destacou na rolda de prensa celebrada hoxe na que estiveron presentes Ricardo Verde, concelleiro de deportes e presidente do Club Corredoiras, Carmen García, concelleira de cultura, e María García, integrante do colectivo organizador.
A proba máis madrugadora será a da maratón, na que participarán 43 persoas que correrán a partir das 8 horas da mañá. O trail, que suma 215 participantes, sairá ás 10 horas, e cinco minutos máis tarde, a andaina na que se inscribiron 300 persoas. As tres probas percorren diversos espazos rurais e de montes de Bueu, e a maratón inclúe tamén algunhas localizacións de Cangas, Moaña e Marín, polo que se trata dunha oportunidade para facer deporte e descubrir a contorna.
A organización anuncia que a entrega de dorsais será o sábado de 12 a 14 e de 17 a 21 horas no Centro Social do Mar ou o domingo, dende as 7 ás 9.45 horas no Adro de Cela. Así mesmo están previstos, coma tódolos anos, diversos premios, compostos por trofeos artesanais e diversos produtos para as categorías absoluta, sénior e veterán, tanto en masculino como en feminino. Así mesmo, e como vén sendo habitual, distinguiranse tamén ao primeiro local masculino e feminino.
Segundo destacaron os presentes, o percorrido estará sinalizado con balizas vermellas para a maratón, frechas laranxas para o trail, e azuis para a andaina. Ademais, ao remate da proba serviranse lentellas e cervexa para todas as persoas participantes.