Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Cineclub Bueu celebra 25 anos cun ciclo de filmes elixidos por anteriores directivas

O Cineclub Bueu celebra a partir de mañá venres o seu 25º aniversario cunha escolma de filmes seleccionados por membros das anteriores xuntas directivas da asociación. Durante catro semanas consecutivas, o Centro Social do Mar acollerá as proxeccións ás 21 horas, con entrada de balde e coloquio posterior. Ademais, o municipio será a sede da vindeira asemblea da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga).

O ciclo dará comezo o 19 de xaneiro con Contos de Toquio (Yasujirō Ozu, 1953), título escollido por Francisco Freire Jalda e Xabier Framil, dous dos fundadores do Cineclub Bueu en 1999. O día 26 programarase Melancolía (Lars Von Trier, 2011), película elixida por Xoán Pastoriza, mentres que o tamén ex presidente Manuel Pena optou por Eyes wide shut (Stanley Kubrick, 1999) para o 2 de febreiro. As sesións vinculadas a este cuarto de século pecharanse o día 9 do vindeiro mes con Le Havre, escolla de Alba Sotelo, única presidenta que tivo a asociación.

Cada venres abrirase ademais a posibilidade de asociarse ao Cineclub Bueu por unha tarifa de 15€ anuais o primeiro membro da familia e 6€ os seguintes, de xeito que ata decembro poderán acceder ás proxeccións a metade de prezo (2€ no canto de 4€). Ademais, as persoas socias recibiran unha chapa conmemorativa destes 25 anos de andaina, co logotipo creado para a ocasión polo deseñador Iago Comedeiro. Do mesmo xeito, a asociación está aberta a todas as veciñas e veciños que queiran colaborar na organización das actividades.

Xuntanza co Concello

Membros da actual Xunta Directiva do Cineclub Bueu, encabezada por David López, reuníronse onte coa concelleira de Cultura, Carmen García, para presentarlle as accións vinculadas a este 25º aniversario. Neste contexto, o municipio acollerá o 25 de maio a asemblea anual da Feciga, á que acudirán representantes de distintos cineclubs de toda Galicia. Pola súa banda, a edil amosou a disposición do Concello a seguir colaborando coas actividades da asociación e deu a coñecer o novo equipamento co que axiña contará o Centro Social do Mar, a fin de mellorar a calidade das proxeccións audiovisuais que se levan a cabo nestas instalacións.

Breve historia do Cineclub Bueu

O Cineclub Bueu constituíuse o 13 de febreiro de 1999 da man dun grupo de obxectores de conciencia que estaban realizando a prestación social substitutoria no Concello de Bueu. Colaboraban na proxección de películas en 16 mm ao aire libre, e con este estímulo decidiron darlle forma aos seus intereses cinematográficos poñendo en marcha unha iniciativa a través da que dar saída aos títulos que non aparecían nas salas comerciais. É posible que a primeira película oficial do cineclub fose Fucking Amal, de Lukas Moodysoon.

Con moi poucas interrupcións, o Cineclub Bueu vén facendo proxeccións dende entón, ao principio cada quincena e a partir do ano 2004 con periodicidade semanal. O obxectivo principal da asociación nesta fase foi o de examinar a historia do cine para presentar ao público que nos seguía a nosa particular escolma da mitoloxía cinematográfica, tratando sempre de non reducila ao “discurso oficial” do cinema norteamericano, de xeito que tiveran cabida propostas cuxa indubidable calidade fora proporcional á súa escasa transcendencia mediática.

A partir de outubro do 2015 estrearon unha nova etapa, onde a actualidade marca a pauta. Buscan agora o cine máis novo, as últimas propostas do chamado cinema independente, alleo ás canles de distribución masiva, para facelo accesible a un maior número de espectadores. Como norma xeral, as películas seleccionadas teñen unha antigüidade máxima de dous anos e veñen avaladas por premios en festivais e/ou polo recoñecemento da crítica. No entanto, prestan especial atención ás producións galegas, nomeadamente da nosa contorna máis próxima, e a aquelas que promoven os valores cívicos. Intentamos que a programación anual sexa variada en xéneros e temáticas, combinando drama, comedia, animación, documental, ficción, etc. e mesmo ofrecendo alternativas para outros públicos como pode ser o infantil.

As duras condicións mercantilistas ás que se ven sometidas as iniciativas sen ánimo de lucro de promoción da cultura cinematográfica obrigáronlles a espaciar as sesións, restrinxíndoas a unha ao mes. No entanto, en determinados momentos do ano procuran ofrecer algunha proxección extra: conmemoración das Letras Galegas, días mundiais, 8M, 25N, cinema de verán, etc. Ademais, na medida das súas posibilidades tentan convidar a membros do equipo do filme ou persoas e colectivos relacionados coa temática abordada. Como parte deste traballo en rede, participan asemade na Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga).

Polo demais, queren contribuír a fomentar a igualdade no sector, programando filmes dirixidos por mulleres -xénero maioritario na nosa base asociativa-, e ao impulso da lingua galega, na que se elaboran todos os nosos materiais de promoción.