Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Trail de Cela celébrase este domingo con máis de 500 participantes

  • O evento suma xa a súa novena edición cunha carreira de 24 quilómetros e unha andaina de 16

Como xa vén sendo habitual no calendario deportivo, o Concello de Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras celebran este domingo, 22 de xaneiro, o IX Trail de Cela, que constará dunha carreira competitiva de 24 quilómetros e unha andaina non competitiva de 16. Entre estas dúas probas súmanse 505 participantes, que supón unha gran cifra e coa que se regresa ao momento anterior á pandemia. Así se destacou na rolda de prensa celebrada hoxe na que estiveron presentes Ricardo Verde, concelleiro de deportes e presidente do Club Corredoiras, Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas ademais de María García, integrante do colectivo organizador.

O evento tomará a saída ás 10 horas dende o Igrexario, na parroquia de Cela, ata Ermelo percorrendo os montes de Bueu para volver outra vez ao punto de partida, e aí veranse as 360 inscritas na andaina e as 145 na carreira.

A organización entregará diversos premios,  que estarán compostos por trofeos e diversos produtos para as categorías absoluta, sénior e veterán, tanto en masculino como en feminino. Así mesmo, e como vén sendo habitual, distinguiranse tamén ao primeiro local masculino e feminino.

Os participantes sairán dende a zona do Igrexario de Cela e percorrerán o mesmo circuíto que o ano pasado, atravesando os lugares como o Casal,
A Barraca, río Frade, Ermelo, San Cosme, calzada romana, A Paralaia, Chans e con volta ao inicio.  

Segundo destacaron os presentes, o percorrido estará sinalizado con frechas laranxas para o trail, e azuis para a andaina. Ademais existirán duchas no colexio do CEIP A Torre de Cela, que cede as instalacións para esta proba, e ao remate da proba serviranse lentellas para todas as persoas participantes.