Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O taekwondo será protagonista este sábado en Bueu no Campionato Copa Deputación

  • No evento, que se celebrará no Pavillón Municipal de Beluso das 9 ás 15 horas, participarán preto de 600 persoas

O Pavillón Municipal de Beluso (Bueu) acollerá o próximo sábado, 22 de outubro, o Campionato Copa Deputación de Técnica e Amateur, organizado polo Club Taekwondo SIU, coa colaboración da Federación Galega de Taekwondo, o Concello de Bueu, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, e no que se agarda a participación de 586 persoas, entre nenos e nenas a partir de 6 anos e adultos.

Precisamente, este xoves tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial a rolda de prensa nun acto no que participaron Belén Asensio, adestradora do Club Taekwondo SIU, Fran Tilve, vicepresidente da Federación Galega de Taekwondo, Julio Villanueva, vice alcalde, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e Alberto Moital, edil de patrimonio, arquivo e bibliotecas.

O evento desenvolverase entre as 9 e as 15 horas, e competirán dez nenos e nenas de Bueu. Segundo avanzou o vicepresidente da Federación, “como hai moitos nenos e nenas que comezan, optouse por facer un campionato por provincias, e as persoas que se clasifiquen irán ao rexional”. Segundo Belén Asensio, “o número de competidores/as está en alza, en Bueu hai bo nivel, e de feito para a próxima semana participará un no Campionato de España de pre cadetes” .

Silvia Carballo, en representación do Concello de Bueu, salientou que “para a nosa vila é un pracer contar con campionatos deste tipo que fomentan o deporte de base”. Xa o pasado ano tivera lugar en Bueu o campionato autonómico, con éxito de público e participación.