O pleno de Bueu aprobou o Plan Normativo para o ano 2022 que permitirá tramitar sete regulamentos
- A proposta saíu adiante cos votos a favor do BNG e PP, e a abstención de ACB, mentres que o PSOE estivo ausente do pleno
- No pleno aprobáronse por unanimidade tres mocións conxuntas en apoio aos familiares dos desaparecidos no Villa de Pitanxo, outra de condena da invasión rusa sobre Ucraína e a última para instar ao goberno español a reconsiderar o cambio de postura sobre o Sáhara Occidental
O Concello de Bueu levará adiante este 2022 a modificación e a aprobación de regulamentos que permitirán atender situacións novas ou actualizar os que quedaron obsoletos. Así valorou Félix Juncal, alcalde de Bueu, o que suporá a aprobación do Plan Normativo 2022, que se aprobou na sesión plenaria deste luns, 4 de abril, cos votos a favor de BNG e PP, a abstención de ACB, mentres que o PSOE estivo ausente. Este plan é un requisito imprescindible para levar adiante a aprobación dos textos regulatorios para este ano e que se dividen entre modificacións e novas normativas. No primeiro caso estarían a ordenanza de terrazas, que substituiría á de 2012 e coa que se agarda dar cumprimento ás novas realidades xurdidas; a do mercado municipal de abastos, que actualizará a de 2005; a de ruídos e vibracións, que permitirá contar cun novo texto que supere o do 1996; e a de venda ambulante e de produtos do campo, que actualizará a de 2005. En canto á nova normativa, o goberno local agarda contar neste ano cunha ordenanza de caravanas e autocaravanas, un regulamento para a xestión de uso da piscina, e unha ordenanza da administración electrónica. Antes da aprobación de cada unha destas normativas, e segundo se estipula na lei, lanzarase unha consulta pública a través do portal web municipal, coa que se recabará información e a opinión da cidadanía.
Sobre este asunto, Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao goberno local que “pasaron catro anos dende a aprobación do último plan normativo e algunhas normativas aínda non se aprobaron, polo que se debería dar unha explicación”. Julio Villanueva, de ACB, manifestou a abstención do seu partido porque “para nós faltaría incluír unha normativa de tráfico”. Pola súa banda Xosé Leal, voceiro do BNG, salientou que “somos conscientes de que faltan normas pero temos que ser realistas co que podemos levar a cabo”.
O pleno continuou co debate arredor de dúas mocións presentadas polo PP e que non prosperaron ao contar cos votos en contra do goberno local, conformado por BNG e ACB. A primeira delas pretendía, entre outras cuestións, instar ao goberno español que cumpra cos seus compromisos e baixe os impostos á electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo, así como que ofreza medidas para os sectores máis afectados e ás familias, descartando a implantación de novos peaxes. O goberno local anunciou o seu voto en contra, e así Xosé Leal apuntou que “non estamos a favor do atraco das eléctricas á cidadanía, atraco que os gobernos do PP consentiron”. A segunda das mocións instaba ao goberno local a contratar unha empresa especializada na limpeza de tellados, que non saíu adiante porque se considera un tema propio da planificación e da acción diaria do goberno.
Por último, o pleno rematou con unanimidade entre os grupos, pois aprobáronse tres mocións conxuntas fóra da orde do día e pola vía de urxencia, logo de que se consensuasen na Xunta de Voceiros de finais da semana pasada. A primeira apoia as demandas dos familiares dos 21 falecidos no ‘Villa de Pitanxo’, que insisten en que o goberno estatal debe poñer en marcha unha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque, descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como recoñecer os seus arredores e zona exterior do buque para verificar a localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
A segunda tómase dunha declaración do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e pretende instar ao Goberno Español a dar marcha atrás no seu recente cambio de postura e avalar o referendo de autodeterminación acordado por ambas as dúas partes, deixando de lado a pasividade no proceso para dar paso a unha aposta decidida por esta solución.
E xa por último, a corporación condenou a invasión rusa sobre Ucraína, mostrar o rexeitamento unánime a todas as guerras do mundo, e defender os procesos de negociación das Nacións Unidas para a resolución de conflitos e restablecemento da paz.
Pleno orzamentos
Por outra banda, este xoves, 7 de abril, terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria para a aprobación inicial do orzamento, cadro e anexo de persoal do concello de Bueu correspondente ao ano 2022. Este pleno, que se celebrará ás 13.00 horas no Centro Social do Mar, tamén servirá para aprobar a modificación da ordenanza fiscal nº5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.