Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aprobou definitivamente a ordenanza de terrazas

  • Ademais saíron adiante o nomeamento dun camiño público en Coumiñán, a aprobación da segunda licitación do expediente de reforma da biblioteca e unha declaración institucional polo Día Internacional das Mulleres

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, na que saíron adiante varios temas, como foron a a aprobación definitiva da ordenanza de terrazas, a aprobación do expediente de contratación da obra de reforma e ampliación da biblioteca Torrente Ballester na segunda licitación, e a declaración de natureza pública do Camiño de Coumiñán, ademais dunha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que se levou pola vía da urxencia e que contou cos votos favorables de todos os grupos da corporación.

O primeiro dos asuntos que compoñían a orde do día era a aprobación da ordenanza de terrazas, que substitúe á do 2012 e que quedara rapidamente obsoleta ao xurdir novos espazos públicos, como rúas peonís ou o caso da céntrica Praza Massó. Trátase, pois, dunha ordenanza garantista para o espazo público e os diversos usos que se dan nel, tanto no presente como no futuro, e que se consensuou por parte do goberno local coa asociación de comerciantes e o sector hostaleiro. Segundo apuntou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “aínda que había seis alegacións, estas non se estimaron ao estar xa recollido o que solicitaban no corpo da ordenanza”, co que “consideramos que o espírito desta normativa contempla todo o que pretendiamos ao comezar co procedemento, coa atención a diversas sensibilidades, como o respecto ao descanso, o uso de determinados espazos públicos e a simplificación e claridade dos trámites administrativos”.

A modificación desta normativa obedece ao incremento exponencial da actividade hostaleira na vila, que se produciu en paralelo aos espazos de carácter público que foron aparecendo ou se foron cualificando. Polo tanto, ante esta casuística, o que se pretende é revisar e adaptar a normativa para garantir a defensa do interese do espazo público e do medio ambiente urbano. Con ela resolveranse con claridade cuestións como a documentación necesaria a achegar pola cidadanía para colocar terrazas nos espazos públicos, o procedemento, prazos e trámites a seguir, as distancias, cautelas, dimensións das instalacións en relación aos espazos públicos existentes no concello, o réxime sancionador ante incumprimentos da normativa vixente, ou as características das instalacións en canto a forma e materiais segundo o espazo no que se localizan.

Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, avanzou que a abstención do seu grupo porque “parece que o goberno local non ten vontade de estimar as alegacións da veciñanza que coñece este asunto e que o vive de preto”, algo ao que tamén aludiron dende o grupo do PSOE. Mentres, Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB, apuntou que “esta normativa leva anos pedíndose por parte da cidadanía de Bueu, polo que é un documento consensuado que dá cobertura a moitas das cuestións pendentes”. A proposta finalmente saíu adiante cos votos favorables do BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP se abstivo.

O seguinte dos asuntos era a aprobación da segunda licitación do expediente de contratación da obra da biblioteca Torrente Ballester, que saíu adiante cos votos a favor de BNG e ACB, e as abstencións de PP e PSOE. O orzamento para acometer esta obra, que se financiará con cargo ao plan Reacpon da Deputación Provincial de Pontevedra, ascende a 1.108.321,90 €, IVE engadido. O Concello xa levara a cabo unha licitación anterior, pero a empresa adxudicataria renunciou debido á alza e incremento dos custes de produción, motivo polo cal houbo que modificar o proxecto e aprobalo de novo. Esta actuación pretende adaptar a biblioteca ao século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

Outro dos asuntos foi a declaración do Camiño de Coumiñán, na parroquia de Beluso, como de natureza pública e a súa inclusión no Inventario de Camiños da parroquia, logo de que se levase a cabo un expediente de investigación a raíz duns escritos por parte da veciñanza tras a concesión dunha licenza de primeira ocupación nunha vivenda. Neste sentido, Félix Juncal, alcalde da vila, defendeu que “o expediente vén ao pleno tras dous anos, nos que actuamos con prudencia e dilixencia e cunha tramitación escrupulosa”.  A proposta aprobouse por unanimidade dos catro grupos da corporación.

E o último dos asuntos foi a declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que tamén se aprobou por parte de todos os grupos. Nela móstrase a preocupación ante o aumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres, a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo,a declaración avanza “o firme compromiso para continuar, dentro das nosas competencias, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres”.